Morre Inocencio Álvarez, o taberneiro da taberna máis antiga, en Penarrubia

O home, que tiña 90 anos, traballou dende moi novo e nunca quixo deixar atrás o negocio nin as terras da Montaña nas que pasou a vida
Inocencio, hai uns meses na taberna, cunha neta. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Inocencio, hai uns meses na taberna, cunha neta. VICTORIA RODRÍGUEZ

É posible que Penarrubia, dende este martes, xa non sexa tan rubia sen a luz de Inocencio Álvarez Fernández, o seu taberneiro, que falecía pola mañá, aos poucos meses de cumprir 90 anos e de non querer oír falar de retirarse. Cousa que non fixo, non. Dende moi novo, e ata os seus últimos días, Inocencio atendeu a Taberna do Val, ese negocio da parroquia de Baralla que estaba rexistrado como tal xa no Catastro de Ensenada, un dos estancos máis antigos do Estado aínda abertos.

Detrás dese mostrador, Inocencio vendeu durante décadas o que as casas non producían, e aínda lembraba hai pouco a este xornal as cartillas de racionamento ou as viaxes a Becerreá a cabalo para facerse con tabaco de picadura. Pero, sen dúbida, era a súa mirada calma e o seu xesto xeneroso o que gañou día tras día aos seus veciños. Presumía, Inocencio, viúvo de Pura Osorio, de nunca terse metido en discusión, e de saber calar o que escoitaba nese outro lado do mostrador.

"Moitas veces centramos a historia en grandes persoeiros, pero hai persoas coma Inocencio que levaban a historia consigo, que fixeron moito e sabían moito", recoñecía este martes o seu veciño Eduardo Álvarez, que ten escrito sobre el no seu blog, onde reflectiu a historia do negocio que rexentaba. "É unha perda enorme. Vaise unha persoa fundamental nesta zona", lamentaba Álvarez daquel home ao que a familia quería levar ao mar, pero que prefería, non obstante, ver como medraba lenta a bidueira que barutaba a luz da taberna.

O coche fúnebre sairá ás 16.00 horas deste mércores de Velatorios Mingos, en Baralla, para celebrar ás 16.30 horas o funeral na igrexa parroquial de Penarrubia. A familia agradece a presenza de todas as persoas que a queiran acompañar nestes intres.

Comentarios