Morre Antonio Río Montero, o último 'brindeiro' da montaña lucense

Amenizou coa súa arte todo tipo de celebracións durante décadas e nos noventa chegou a facerse moi coñecido a nivel galego tras o seu paso polo 'Luar'
Antonio Río Montero, coñecido como o Ribeira de Louzarela. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Antonio Río Montero, coñecido como o Ribeira de Louzarela. VICTORIA RODRÍGUEZ

Antonio Río Montero, o último brindeiro da montaña lucense, faleceu nas últimas horas aos 94 anos de idade. O enterro de O Ribeira de Louzarela, como era coñecido, será este mércores na parroquia de Pedrafita do Cebreiro que o viu nacer.

En Louzarela, a carón da súa casa natal, loce precisamente unha estatua na súa honra desde 2018, unha homenaxe a un dos últimos expoñentes dos brindos, cantos populares en verso do estilo das regueifas. Por aquel entón. Antonio Río amosábase moi agradecido polo recoñecemento: "Estou moi contento, levo toda a vida dedicándome a isto e amenizando as vodas e festas da contorna e agradezo moito que se me recoñeza a labor feita".

Río lamentaba que o oficio se fose perder por falta de relevo xeracional. "Antes era unha profesión que tiña moitos seguidores, era como ter un título dedicarse a isto. Agora os máis novos xa non queren seguir e é unha pena", indicaba nunha reportaxe publicada por este xornal

Nos noventa, e a raíz do seu paso polo Luar, O Ribeira de Louzarela chegou a ser moi coñecido en toda Galicia, e non só onde na zona da montaña lucense por onde deleitou coa súa arte durante décadas aos asistentes a todo tipo de celebracións. Hai uns meses, aCentral Folque mesmo sacou un libro centrado na súa figura: 'O Ribeira de Louzarela. Brindador da dentro'.

Comentarios