A montaña de Lugo segue cuberta de neve e o frío non remitirá ata o xoves

Unha nova fronte deixará choivas en toda Galicia a partir deste martes

Nieve en O Cebreiro. TVG
photo_camera Neve no Cebreiro. TVG

A neve sorprendeu a peregrinos e turistas no Cebreiro. E é que a montaña lucense mantense este luns cuberta de branco tras os copos caídos desde este domingo.

Non se produciron grandes acumulacións, pero a neve resiste nos tellados das casas e nas cunetas das estradas en zonas superiores aos 1.000 metros de altitude, onde o frío foi o outro gran protagonista da xornada.

Así as cousas, os  termómetros baixaron este luns ata os -1,8 graos en Pedrafita e a -4,7 no concello ourensán de Veiga. A sensación térmica foi aínda menor, de -7 graos nalgúns puntos de Galicia.

As nevadas das últimas horas foron especialmente intensas nalgúns puntos a provincia de Lugo e afectaron á autovía A-6, onde, con todo, non se rexistraron complicacións na circulación.

PREVISIÓN. A inestabilidade, as precipitacións e as temperaturas anormalmente baixas marcarán o inicio do mes de maio aínda que as temperaturas empezarán a subir a partir do xoves ata recuperar o fin de semana valores máis acordes a esta época do ano.

O martes, día 1, os ceos estarán parcialmente cubertos durante o día en Galicia e, á noitiña, entrará unha nova fronte polo litoral atlántico.

Segundo a previsión de Meteogalicia, as temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso, con xeadas na zona de interior. Así, as máximas subirán ata os 18 graos en Ourense e as mínimas descenderán ata os dous graos en Lugo.

O mércores, Galicia quedará baixo a influencia dunha borrasca localizada nas illas Británicas polo que se esperan choivas en toda a comunidade. As temperaturas mínimas ascenderán moderadamente pero a oscilación térmica será moi escasa.

Xa o xoves, prevese un tempo seco e estable en todo o territorio galego, con néboas que desaparecerá co avance da mañá. Os termómetros poden alcanzar os 21 graos en Vigo, mentres que a mímina situarase nos 3º que poden rexistrarse en Lugo.
 

Comentarios