As mil caras de Amador Arias

Amador Arias, unha das caras máis coñecidas do panorama cinematográfico actual, non deixa de sorprender coas súas distintas facetas como artista.
Amador Arias. EP
photo_camera Amador Arias.

Moitos coñecerán a Amador Arias como un dos protagonistas indiscutibles da película O que arde, pero a súa arte non reside unicamente no mundo da actuación. Aos seus 63 anos, o fonsagradino continúa activo cunha das súas afeccións preferidas, o debuxo. "Levo debuxando toda a vida e gústame moitísimo", explica Amador.

O actor ten colocados 16 dos seus debuxos na pensión Casa Cuartel ao subir as escaleiras deste novo albergue da Fonsagrada. "Son debuxos imaxinarios e outros tratan do cosmos", declara o fonsagradino, que se adaptou a unhas medidas concretas para os cadros do establecemento. "Estou organizando todos os debuxos que teño. Cando esta situación remate farei unha exposición no museo", di o artista en relación ao Covid-19.

A súa inspiración reside na súa propia mente e nas experiencias da xente que lle rodea. "Penso no cosmos ou nos problemas socias. Todo forma parte da imaxinación en realidade", declara. O garda forestal teno claro, el prefire debuxar antes que actuar, aínda que non pecha ningunha porta. "Se teño que actuar nun filme como O que arde non hai problema porque o pasei moi ben, pero non me vexo actuando en series", manifesta o artista.

Despois da estrea da película en 2019, Amador convertiuse nunha das caras máis recoñecidas do sétimo arte, pero el recoñece que "é moi bonito escoitar a xente falarche do filme", di o fonsagradino. "Agora non podo saír a ningún sitio sen que me recoñezan pero paga a pena. A xente sempre pide algunha aclaración ou fai algún comentario sobre ela", explica Amador.

Dende entón, a súa relación co director da película, Oliver Laxe, non fixo máis que despegar. "Somos moi amigos. Aínda estivemos onte en Navia comendo o polbo", conta o actor, que está a colaborar nun proxecto no que se van divulgar algúns dos filmes galegos máis prestixiosos de todos os tempos por 76 concellos galegos, tales como Sempre Xonxa (1989), O que arde(2019) ou o próximo largometraxe de Ignacio Vilar, María Solinha (2020). Amador Arias di estar moi agradecido polo recoñecemento que está a ter e polas oportunidades que se lle presentan.

"Aínda me chamaron hai tres días para un papel como actor pero díxenlles que non pola situación que estamos a vivir", sostén o debuxante, que xa tivo que cancelar algún proxecto por causa da pandemia. "Ata que pase todo eu non penso moverme para nada", di convencido. "A vida é algo que hai que desfrutar. Non é só traballar, traballar e traballar. Tamén terei que descansar algo", di o fonsagradino con retranca.

Porén, Amador descansa pouco porque ademais das súas facetas como debuxante e actor, o artista tamén está a escribir dous libros sobre pequenas historias e relatos de dous ou tres folios cada unha. "Podería compararse con algo semellante ao libro de Tic-Tac (1993) de Suso de Toro", declara o veciño da Fonsagrada.

Pensabamos que xa viramos todo o potencial de Amador Arias cando o desfrutamos na gran pantalla da man de Oliver Laxe, pero o fonsagradino é un auténtico artista polifacético. Actor, debuxante e escritor. Toda unha caixa de sorpresas da que estaremos atentos proximamente.

Comentarios