Mercados con moita historia

Becerreá recupera a Feira do 12 cos produtos da zona e a carne de porco e poldro como protagonistas. A cita serviu para lembrar o renome e tradición destas celebracións na Montaña
Público no recinto feiral. XESÚS PONTE
photo_camera Público no recinto feiral. XESÚS PONTE

Becerreá recuperou este sábado a Feira do 12 despois dunha paréntese de 58 anos. A xornada, promovida pola asociación Rente do Couce, en colaboración co Concello, serviu tamén para repasar a tradición dos mercados da comarca da Montaña da man de Xabier Moure, presidente de Patrimonio dos Ancares.

Os produtores de queixo, mel e embutidos foron os protagonistas dunha concorrida cita, coa presenza de trinta postos. Xunto cos derivados porcinos tivo un especial protagonismo a carne de poldro galego, criado en réxime extensivo na Granxa Teixeiro e Pistón, asentada no municipio. A Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega desenvolve unha campaña de promoción na que anima a consumir esta carne, destinada case sempre á exportación, nunha provincia que aglutina a dous de cada tres criadores da comunidade. Os artesáns do ferro e da madeira mostraron tamén os seus traballos na carpa que acolleu o certame. Tamén se venderon exemplares do libro O feitizo de Maruja Roca, con textos da xornalista Nieves Neira.

A música de Davide Salvado animou unha convocatoria na que se lle entregou o Foucín de Honra a Laura Pardeiro polo seu blogue Leiras e Marcos.

ORIXE. A primeira mención da Feira do 12 remóntanse ao 12 de abril de 1873. Sábese dela porque a partida do carlista Núñez Saavedra, natural das Nogais, asaltou o xulgado municipal de Becerreá o día da súa celebración, segundo explicou Moure na charla deste sábado. A recuperación do evento produciuse en 1951, como se recollía en El Progreso, e mantívose durante once anos. En xullo de 1962, este mesmo xornal fala da "desidia" que levou á desaparición da cita.

A creación dos mercados mensuais do 3 e o 19 teñen pouco máis de cen anos. O primeiro naceu nos anos 20 do século pasado e o segundo en abril de 1889. "Daquela había tamén mercado en Becerreá os sábados e dúas feiras anuais, o terceiro domingo de setembro e o 3 de outubro", explicou Xabier Moure. No século XIX proliferan os mercados locais na Montaña. En Cervantes había seis e a feira de gando de Pedrafita era considerada a mellor de Galicia.

Comentarios