O mel dos Ancares está de parabéns

Dous apicultores de Navia e Cervantes resultaron premiados no concurso de cata a nivel galego de Aga
José Luís Pérez. EP
photo_camera José Luís Pérez. EP

O mel dos Ancares está de parabén. Dos catro apicultores galardoados este ano no concurso de cata a nivel autonómico organizado pola Asociación Galega de Apicultura (Aga), dúas deles son da comarca. Trátase de José Luís Pérez Fernández, de Navia de Suarna, e María Isabel López Pérez, de Cervantes.

No caso do mel naviego, José Luís Pérez foi recoñecido por un produto monofloral de castiñeiro. Aínda que este veciño de Navia retomou unha actividade que fora tradicional na súa casa, a Casa Príncipe que tamén lle dá nome á marca do mel, foi este ano cando se animou a separar o mel en base á súa procedencia.

Deste xeito, obtivo un produto asociado nun 70% ao castiñeiro, aumentando un pouco máis o 50% de porcentaxe de castiñeiro que presenta o mel das súas colmeas.

Para Pérez Fernández, a zona é propicia para este produto, que chegou a moldear a súa paisaxe. Para o ano que vén, este veciño utilizará un cortín, esas estruturas de pedra circulares que protexen as colmeas e os ataques do oso, para pór as súas colmeas, cedido pola familia Cancelo, de Murias de Rao. No seu caso, a produción alcanza os 1.500 quilos ao ano, que distribúe na súa zona e nalgunha tenda de Lugo e do resto de Galicia.

Tamén Isabel López Pérez ten unha produción semellante, na aldea de Piornedo. No seu caso, o mel galardoado ten no brezo a súa flor predominante, que se completa coa da carqueixa e a do castiñeiro, propias da vexetación da alta montaña.

Para ela, o feito de que sexan galardoadas dous meles dos Ancares non é casualidade, senón que obedece a que se trata dunha zona sen cultivos intensivos na que non se utilizan pesticidas.

Tamén no seu caso, a recuperación desta produción ligada tradicionalmente á súa casa, a Casa Casoa, transcende o produto. A súa casa, unha palloza desta aldea de Donís, está presente na etiquetaxe e é un dos puntos de venda do mel, que na capital tamén se comercializa nalgún establecemento.

Para Isabel López, o traballo de formación e asesoramento de Aga foi esencial para obter esta distinción e animarse a recuperar a actividade, do mesmo xeito que para José Luís Pérez.

Comentarios