Medio Rural analiza o potencial forestal dos montes de varas de Cervantes

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal explicaron a veciños do municipio as vantaxes de poñer en marcha un proxecto de aldea modelo
Representantes de MEdio Rural en Cervantes. EP
photo_camera Representantes de MEdio Rural en Cervantes. EP

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, visitaron este luns Cervantes, co fin de explicar aos seus veciños a posibilidade de desenvolver proxectos de recuperación de terras e tamén para coñecer a súa riqueza forestal.

A visita centrouse, en primeiro lugar, en avaliar con propietarios de terreos agroforestais o seu potencial para o desenvolvemento dun proxecto de aldea modelo, dentro das posibilidades que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. A responsable da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural trasladou aos veciños as características e vantaxes desta figura, coa que se pretende fomentar a actividade agrogandeira e forestal na contorna dos núcleos de poboación e, ao tempo, anticiparse aos incendios forestais mediante unha adecuada e sostible xestión da biomasa.

Por outra banda, a presenza en Cervantes do director xeral de Planificación Forestal tivo como obxectivo avaliar o potencial dos montes de varas deste concello, lembrando que a Consellería do Medio Rural está a tramitar un decreto para o desenvolvemento normativo deste tipo de terreos forestais, co fin último de fomentar a súa recuperación e xestión activa. Isto farase sempre respectando o marco legal vixente e apoiándose nas diferentes liñas de axudas abertas pola Consellería do Medio Rural. 

Neste sentido, cómpre salientar que este municipio lugués ten identificados ata oito terreos destas características, que suman unha superficie de máis de 2.700 hectáreas. Esta extensión, destacou José Luis Chan, representa case o 30% da superficie ocupada por este tipo de terreos forestais no conxunto de Galicia.

En Galicia hai constancia de 42 montes de varas, cunha superficie total de preto de 10.000 hectáreas. A maioría deles (39) están situados na provincia de Lugo e en concreto no distrito forestal de Fonsagrada-Os Ancares (33 montes de varas).

Comentarios