Martínez e seis edís do PSOE vanse ao grupo de non adscritos en Becerreá

Os socialistas quedarán a partir do próximo pleno sen alcaldía e cunha única concelleira

Manuel Martínez. SEBAS SENANDE
photo_camera Manuel Martínez. SEBAS SENANDE

O enfrontamento entre o PSOE e Manuel Martínez na Deputación e Suplusa cambiará o escenario político en Becerreá, xa que no próximo pleno municipal -a próxima semana- o alcalde e seis edís socialistas pasaranse ao grupo de non adscritos, desde o que gobernarán ata o final do mandato. No ano que queda ata as eleccións municipais, o PSOE quedará, xa que logo, cunha única concelleira -Ana Rubinos, número 8 da lista de 2015- nunha praza na que nos últimos comicios logrou unha maioría histórica, ao copar oito dos once edís en disputa.

Martínez mostrouse este luns agradecido por ese apoio dos seus compañeiros do goberno local e cualificou ese paso case en bloque ao grupo de non adscritos como "un pau" ao PSOE, que "creou un problema onde non o había", porque o que foi o seu partido máis de 40 anos "tiña un Concello consolidado".

O alcalde, que foi expulsado do PSOE e non ten previsto recorrer, recalcou que os seus compañeiros de goberno tomaron "sen presións" a decisión de acompañalo ao grupo de non adscritos. "Fíxose unha reunión coa militancia na que informei do que eu ía facer e a partir de aí decidiron libremente".

Martínez espera que estes cambios non condicionen os apoios ao executivo local. "Non ten que cambiar nada: as axudas da Xunta chegarán igual como PSOE ou como non adscritos, e por parte da Deputación xa non iamos recibir nada dos remanentes", resolveu.

Tamén indicou que nesa reunión coa militancia local varios asistentes dixeron que se darán de baixa no PSOE. Xa o fixo o seu número dous no Concello, Claudio Vázquez, quen remitiu hai semanas un escrito á dirección provincial socialista anunciando a súa marcha dun partido no que empezou a militar "non 1974 en Cáceres", fiel á tradición da súa familia, con parentes fusilados e desterrados polas súas ideas durante a ditadura.

Vázquez, que liderou a primeira candidatura do PSOE en Becerreá, en 1983, dixo estar "totalmente en desacordo" co trato a Martínez e acusou ao PSOE de traizoar "a un compañeiro ata catro veces", ao incumprir reiteradamente pactos.

Comentarios