"O que máis medo dá desta enfermidade é a soidade"

A fonsagradina Rosa Rego é celadora para enfermos de Covid-19
Rosa Rego. EP.
photo_camera Rosa Rego. EP.

Dende o pasado 1 de abril, a fonsagradina Rosa Rego é unha das celadoras do Hula que se ofreceron a traballar de xeito voluntario só con pacientes de Covid-19. Esta “boa idea para que non todas as celadoras estean con eles” foi da xefa do servizo, e ela deu un paso á fronte. Un paso que é unha viaxe diaria dende A Fonsagrada, case unha hora de estrada que vive como o “privilexio” de comprobar que a primavera non se detivo nos montes. Privilexio tamén “por moverse, por estar con persoas e polo equipo de profesionais do Hula, e das miñas compañeiras celadoras, das que estou orgullosísima”, di.

O seu traballo é o mesmo, pero alongado e multiplicado polos estritos protocolos de protección. O que cambiou é o contacto coas persoas enfermas, a dificultade de explicarlles aos maiores por que as súas netas ou fillos non están xa con eles, ou falar detrás do Epi que a asemella a unha astronauta. “O que máis medo me dá desta enfermidade é a soidade”, indica. “Pero a pesar do duro que é, estas persoas maiores dannos leccións constantemente pola súa fortaleza. Aínda despois de respirar mal ofrécense para axudar... Non hai palabras”, conta.

Para facer máis levadeira a hospitalización, as celadoras revisan as datas de nacemento dos pacientes para que non se escape un aniversario, ou penduran os debuxos que mandan os netos.

“Neste momento non temos problemas de material, pero si que os tivemos, e iso que aquí a situación non foi como en Madrid. Nós, celadoras, estamos utilizando traxes doados por Carolina Herrera, por McDonalds... todos distintos”, di.

Despois do camiño de volta non sae da casa para nada, con precaución total debido á súa exposición. E segue dándolle voltas a esa soidade. “Penso que a situación sacou a parte boa da meirande parte da xente. As excepcións están aí, pero son as menos. Oxalá que o medo a contaxiarnos non nos faga insensibles”, di.

Comentarios