Máis de 500 veciños da montaña de Lugo continúan sen electricidade polo temporal de neve

Os efectivos localizaron ata 50 árbores caídas sobre o tendido eléctrico e uns 20 cables danados

Nieve en Piornedo. ANDREA ALONSO
photo_camera A neve afectou as estradas lucenses. XESÚS PONTE

Algo máis de 500 veciños de distintos concellos da montaña de Lugo continúan sen electricidade este martes a causa do temporal de neve que afectou a fin de semana a esta zona.

En concreto, segundo confirmaron a Europa Press fontes da compañía, continúan sen subministración eléctrica uns 400 clientes de Naturgy dos municipios lucenses de Becerreá, Triacastela e O Corgo.

Naturgy incrementou o número de operarios traballando para resolver as incidencias con respecto a este luns e interveñen na zona 170 traballadores.

Segundo explicaron, os efectivos localizaron ata 50 árbores caídas sobre o tendido eléctrico e uns 20 cables danados por acumulación de neve.

No caso de Viesgo, son uns 135 os clientes que continúan sen subministración, dos que a maior parte están en Meira (105), aínda que tamén hai afectados na Fonsagrada (30 usuarios).

Esta compañía conta con máis de 120 persoas operando na zona, en atención ao cliente e no centro de control, para intentar solucionar canto antes as avarías.

Os operarios, explicaron desde Viesgo, atoparon dificultades para avanzar e poder chegar ás liñas danadas polo temporal, para o que se están utilizando "todas as ferramentas e vehículos posibles", incluíndo motos de neve e grupos electróxenos móbiles para dar subministración ao maior número de persoas canto antes.

Afectados en A Fonsagrada e Becerreá
O vicepresidente da Deputación e alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández, analizou antes da súa entrada ao pleno da corporación provincial, a situación do seu municipio a causa do temporal de neve dos pasados días. Sinalou que a día de hoxe hai unhas 87 vivendas sen luz e que, segundo Begasa, recuperarán a subministración ao longo da xornada deste martes.

Pola súa banda, o deputado non adscrito e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, cuantificou nuns 170 veciños das parroquias de Quintá de Cancelada e Cancelada os que seguen sen luz "por terceiro día consecutivo".

Martínez criticou a Fenosa pola lentitude coa que, á súa entender, está a executar os traballos de reposición da subministración, que tamén afecta a veciños de Triacastela, Navia e Baralla.

Comentarios