Localizado un novo grupo de petróglifos en Cervantes

Patrimonio dos Ancares comunicou á Xunta o achado destas inscricións na parroquia do Pando á 1.310 metros
Uno de los petroglifos hallados. EP
photo_camera Un dos petróglifos achados. EP

Entre os montes de Pico da Legua e Teso de Acevedo, nun lugar coñecido como Río de Auga. Alí, a 1.310 metros de altitude, atópase o último dos achados do colectivo Patrimonio dos Ancares, un novo grupo de petróglifos co que o concello de Cervantes xa pode presumir de sumar 20 inscricións da Idade de Bronce en todo o muncipio. O colectivo xa comunicou á Xunta de Galicia a súa localización, na parroquia do Pando. 

Cunha morfoloxía semellante á doutros complexos de arte rupestre de Galicia e esculpido en granito, este grupo de petróglifos presenta círculos concéntricos, sendo o exterior dun diámetro de aproximadamente 30 centímetros, segundo indican desde o colectivo.

Patrimonio dos Ancares tamén chama a atención sobre a abundancia deste tipo de gravado rupestre no concello de Cervantes —todos concentrados no Pando e Donís—, xa que, segundo indican, nos concellos orientais da provincia a súa presenza é case nula, documentándose soamente un grupo por municipio en Ribadeo, Folgoso do Courel e Quiroga.

Tamén fixeron fincapé na altitude á que están situados, en campas, terras altas e chairas que foron sede de asentamentos temporais determinados polo pastoreo estacional. O máis alto de Galicia está, precisamente, no alto do Mustallar, a 1.770 metros.

Patrimonio dos Ancares tamén indicou que a mámoa atopada o pasado 21 de xaneiro en Lexo (Baralla) xa foi catalogada por Patrimonio da Xunta de Galicia.

Comentarios