Liñas brillantes e paralelas

Estudaron Bioloxía, cursaron o mesmo doutoramento, defenderon a tese no mesmo ano, os dous comparten carreiras de excelencia no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC... e ambos son de Navia
Marcos Fernández Fondevila e Chusa González Rellán. CARMEN BARROS
photo_camera Marcos Fernández Fondevila e Chusa González Rellán. CARMEN BARROS

Velaquí un caso de dúas vidas paralelas. Marcos Fernández Fondevila e Chusa González Rellán defenderon a súa tese o ano pasado, logo de seis anos no mesmo grupo científico do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (Cimus). Os dous cursaran un mestrado de Biomedicina e comezaron o grao de Bioloxía o mesmo ano. Os dous publican nas mellores revistas científicas a nivel internacional e labraron unhas das carreiras máis prometedoras no seu ámbito no país.

Facéndose amigos, descubriron, ademais, que tiñan as mesmas raíces en Navia de Suarna, un lugar referencial para eles en moitos aspectos. Pero, no fondo, por moi abraiantes que semellen estas liñas imbricadas, nada é casualidade. Os seus trazos só se explican con moita amizade, cooperación e traballo e, si, tamén co amparo da cultura que recibiron nos Ancares.

"Hai un paralelismo entre Os Ancares e a investigación", di Chusa, de nai naviega e pai cervantego. "A capacidade de sacrificio, a constancia que fixo seguir a estas persoas, día tras día, son valores moi positivos, que determinan quen avanza e quen queda no camiño. Ese tesón, que fai que a xente saia cos animais con choiva; ser de poucas palabras e moitos feitos; a experiencia da emigración, que nos fai hoxe enchernos de valor á hora de marchar uns anos fóra...", indica Chusa, mentres o seu amigo asente ao seu carón, "completamente de acordo", di. Para Marcos "é un motivo de orgullo pertencer a esta zona pola cultura, pola forma de falar que temos, que se fai rapidamente identificable, pola natureza que espertou en nós o interese pola Bioloxía, e tamén pola cooperación. Todo o rural galego sufriu a emigración, pero nesta zona aínda máis. Na Montaña é fundamental cooperar para sobrevir", indica Marcos.

Defenden que existe un vínculo entre Os Ancares e a ciencia:  a constancia e sacrificio que comparten cos veciños da serra

COLABORACIÓN. A cooperación é algo que tamén defenden para eles, e que fixo que esas liñas corresen paralelas. "Levamos moitos anos sendo amigos de verdade, e tiramos moito un do outro. Neste mundo hai moita competitividade, pero nós pensamos que cooperar fai que sexamos máis fortes", afirma Chusa. De feito, foi o seu compañeiro quen a animou a facer as prácticas no laboratorio con Rubén Nogueiras, que coordina o grupo de metabolismo molecular no Cimus.

Este centro ten dúas liñas de investigación, que estudan como o sistema nervioso central regula o metabolismo, e como o fígado regula o metabolismo, que é a liña na que están integrados, Chusa cunha tese sobre o papel da proteína p53 na glucoxénese hepática, e Marcos con outra que aporta novas vías terapéuticas para a fibrose hepática. Por isto foi precisamente noticia o Cimus hai un mes, ao descubrir que o bloqueo dunha proteína permitía retrasar o desenvolvemento da patoloxía.

Como celebran os éxitos estes amigos paralelos? "Temos pendente unha festa galega, unha festa grande, con pulpo e gaiteiros, que non puidemos facer pola pandemia. Pero iso non resta valor a reunirnos, tomar algo e falar da vida", conta Marcos. "A satisfacción dos éxitos dun compañeiro é moi grande. Sobre todo porque no noso traballo os resultados vense moitos anos despois, e logo de moitos momentos de frustración. Pero o amigo non ve só o resultado, ve a consolidación do esforzo de tantos anos", comenta Chusa.

Porén, e no contexto do grande shock que lles supuxo, o tempo da pandemia non foi só negativo laboralmente. Ademais de servirlles para dar o último empuxón á tese, tamén foi unha oportunidade para pensar moitos proxectos que agora están en marcha. Foi tamén un momento no que se revelou a importancia da resposta da comunidade científica. No seu caso, o grupo ao que pertencen investigou a relación entre a obesidade e o fígado graxo cun maior risco trala infección por covid.

Logo da defensa, é posible que estas liñas paralelas teñan que separarse. O que toca, agora, é formarse nos mellores centros do mundo. Chusa irá a Canadá, e Marcos seguramente aos Estados Unidos. Despois, o seu desexo é "voltar a Galicia e aplicar o aprendido ao servizo da sociedade, se as institucións o permiten", comentan. E nunca deixar de ir a Navia, "porque estar en contacto coa natureza saca o mellor de nós". Ficou ben demostrado.

comentarios