O libro sobre a fotógrafa de Becerreá Maruja Roca preséntase no Culturgal

O evento, que contará coa presenza dos autores, Neves Neira e Eutropio ► Rodríguez, será esta tarde e poderase ver na web da feira
Maruja Roca. M.ROCA
photo_camera Maruja Roca. M.ROCA

Maruja Roca revélase, por fin. A obra singular e cegadora desta fotógrafa nacida no ano 1912 e que exerceu a profesión en Becerreá durante a posguerra xa está reunida nun libro, O feitizo de Maruja Roca, que se presentará esta tarde en Pontevedra, de 16.00 a 17.00 horas, dentro do espazo da editorial aCentral Folque no Culturgal.

A presentación, que se poderá ver a través da web da feira de industrias culturais de Galicia, contará coa presenza dos autores, Neves Neira Roca -xornalista neste medio, escritora do volume e sobriña neta de Maruja Roca- e Eutropio Rodríguez, editor fotográfico.

"Ou feitizo de Maruja Roca" é o terceiro libro da colección Cámara Escura baixo a dirección artística de Ramom Pinheiro Almuinha. A súa publicación culmina un proceso de investigación que tivo o seu punto de partida nunha reportaxe que Neira publicou neste medio en marzo de 2019 e co que gañou o premio de xornalismo Johán Carballeira. Ao pouco tempo da súa publicación, Neira Roca empezou a traballar no libro de xeito conxunto xunto a Eutropio Rodríguez para reunir o patrimonio fotográfico dunha das poucas mulleres que se dedicaron á fotografía na posguerra en Galicia.

Para compilar ese legado, ademais do arquivo que hoxe atesoura o seu fillo, Suso López Roca, aCentral Folque convocou aos veciños de Becerreá este verán para animar a desempoar as páxinas dos álbums familiares e a mirar con outros ollos os retratos protagonistas nas paredes das casas, co obxectivo de recoñecer as fotografías realizadas por Maruja Roca.

Así, durante meses, en cada casa foron aparecendo imaxes e historias. Todas elas deron forma a este libro que celebra a mirada fascinante dunha muller que, cunha Zeis Ikon, retratou, reflectiu, recreou, fabuló e transformou a realidade dos anos 40 e 50 cos Ancares de pano de fondo.

á presentación desta tarde no Culturgal, na que participarán os músicos Pablo Pérez Sanmamed e Iago Mourinho, seguirá a de Becerreá, o sábado 12 de decembro, e a de Lugo, o luns 21 de decembro e dentro do programa Burbullas Culturais da USC. O libro contou coa colaboración da Deputación de Lugo e o Concello de Becerreá.

Comentarios