Irmandade Naviega, en contra de que Candín se chame Ancares

Á asociación parécelle "oportunista" a idea deste concello de levar o topónimo da comarca
Núcleo de Balouta, en Candín. SEBAS SENANDE
photo_camera Núcleo de Balouta, en Candín. SEBAS SENANDE

A asociación Irmandade Naviega, con sede en Navia de Suarna, quixo manifestar onte o seu posicionamento contrario a que o municipio de Candín se chame Ancares, despois de que o alcalde deste concello leonés amosase a súa vontade de asumir o topónimo da comarca.

"Dende o lóxico respecto, parécenos oportunista a estas alturas a solicitude de Candín", indicou a entidade a través dun comunicado. "Que un concello queira identificar a parte co todo non nos pode parecer ben", engadiron. Polo contrario, a asociación destaca que nun momento coma o actual, no que "o rural está ameazado ", as iniciativas deben sumar, e non dividir, para "loitar xuntos por un futuro común", dun lado e do outro do porto de Ancares.

Irmandade Naviega recorda que hai décadas chamábanselle ancareses e ancaresas aos veciños que viñan dese banda da serra que cae no lado leonés, pero non só aos de Candín, senón tamén aos de Fabeiro, Veiga de Espiñareda, Balboa, Perenzais ou Vilafranca do Bierzo.

Sen embargo, no último medio século o topónimo de Ancares asumiuse en Galicia dende distintas iniciativas veciñais e institucionais, dende o nome da comarca de Ancares até os xeodestinos ou o Club Ancares. "Non podemos borrar esta historia. Poderiamos aceptar mellor a solicitude se o nome escollido fose Candín de Ancares", manifestaron.

Comentarios