Un menor recibe 32 puntos de sutura na cara tras o ataque dun can en Baralla

A nai denunciou tras sospeitar que o animal era dun veciño e a Garda Civil abriu unha investigación
Pitbull.EP
photo_camera Pitbull.EP

A Garda Civil investiga o ataque dun can de raza pitbull-boxer a un menor de idade, ocorrido o pasado 16 de agosto no Concello de Baralla. 

Segundo informan fontes do instituto armado, a nai denunciou os feitos este luns tras sospeitar que o can é propiedade dun veciño da mesma localidade. 

O ataque produciuse nunha leira aberta na que residen a nai e o seu fillo. O can, que non levaba boceira, provocoulle lesións no rostro que levaron a realizarlle 32 puntos de sutura en ambas as fazulas. 

A pesar de recibir o alta o mozo tivo que volver ao hospital, onde permaneceu ingresado outros nove días tras sufrir unha infección polas feridas, ata que foi dado de alta o pasado dous de setembro.