Un dos informáticos máis brillantes de Escocia ten sangue fonsagradino

O mozo Rubén Osorio foi premiado pola USC como o mellor enxeñeiro da súa promoción e agora, con tan só 22 anos, traballa nunha das universidades máis prestixiosas de Europa

Osorio, xunto a unha compañeira durante o acto de graduación. EP
photo_camera Osorio, xunto a unha compañeira durante o acto de graduación. EP

Hai menos dun ano que o fonsagradino Rubén Osorio se viu obrigado a deixar a súa vila natal e a partir cara a Escocia para buscarse o porvir, e hoxe en día, con tan só 22 anos, xa triunfa nunha das universidades europeas máis prestixiosas coa súa paixón: a programación de videoxogos. O rapaz apuntaba maneiras desde que era cativo, pois recorda que no colexio xa sacaba boas notas. "Nunca tiven problema para estudar e se era algo que me gustaba aínda se me daba mellor", indica.

Este mozo formouse nos centros escolares da Fonsagrada e accedeu á carreira de Enxeñería Informática da USC cunha nota de corte por enriba do oito. Sinala que escolleu este grao porque sempre lle gustou o mundo das novas tecnoloxías, aínda que precisa que por un momento dubidou entre esta carreira ou a de Física. "Finalmente decanteime pola informática tras facer unha visita á universidade, onde nos explicaron as asignaturas e as posibles saídas profesionais de cada unha. Dinme conta de que podía ter máis posibilidades laborais nesta porque ía máis cos novos tempos e así me decidín a apuntarme", comenta.

Sacou unha vintena de matrículas de honra durante a carreira

GALARDÓN. Durante os catro anos que duraron os estudos de grao deixou claro que ía destacar no seu ámbito, pois con esforzo e dedicación logrou sacar unha vintena de matrículas de honra. Ao rematar a carreira o pasado ano, a USC outorgoulle un premio extraordinario do grao de Enxeñaría Informática por conseguir a mellor puntuación de toda a súa promoción —entre máis de 60 alumnos— ao sacar un 9,05. "Ao rematar os estudos universitarios pensei en seguir formándome fóra de España porque aquí non había oportunidades laborais no meu ámbito", sinala.

PROXECTO LÍDER. "Quería ampliar coñecementos no ámbito da programación de videoxogos e como a universidade escocesa de Abertay é unha das máis prestixiosas a nivel europeo anoteime a un máster e alí marchei cun compañeiro de Pontevedra", explica o rapaz, quen aos poucos meses xa conseguiu emprego como embaixador do prestixioso centro grazas a un novidoso proxecto que deseñou. "Era unha proposta que ninguén se animara a realizar pola súa gran complexidade. Tratábase dun videoxogo no que os xogadores teñen que interactuar lanzando unha pelota á parede. Tras moito esforzo conseguín facelo e quedei moi ben valorado no centro", di.

Recibiu ofertas de traballo de marcas como Lego ou a empresa que deseña os videoxogos da Fórmula 1

Tras este éxito as oportunidades laborais non lle faltaron a este salientable enxeñeiro, que recibiu propostas de marcas tan coñecidas como Lego ou a empresa que deseña os videoxogos para a Fórmula 1. Pese ás tentadoras ofertas preferiu deixalas aparcadas polo momento posto que, según remarca, "agora mesmo quero rematar o máster para formarme o máximo posible e despois xa tocará meterse no mundo laboral".

Osorio recoñece que desde que marchou da súa vida natal o cambio de vida foi moi considerable. "A vida en Escocia non ten nada que ver coa da Fonsagrada, a xente é distinta, máis reservada", remarca, e engade que agradece ter marchado co compañeiro de Pontevedra para poder falar galego. "O que máis botaría de menos sería non poder falar o meu idioma, pero así non teño problema", di orgulloso. Aínda que ás veces o invade a morriña, polo momento non ten pensado voltar a España, onde lamenta que non se valore máis aos novos profesionais.

Comentarios