Lunes. 19.11.2018 |
El tiempo
Lunes. 19.11.2018
El tiempo

Nova disputa entre Martínez e a Deputación a conta da residencia da Fonsagrada

Entrega de chaves da residencia da Fonsagrada. EP
Entrega de chaves da residencia da Fonsagrada. EP

Martínez censura a ausencia do Goberno provincial na entrega de chaves das instalacións ►Pilar García Porto xustifica que non acudise ninguén da institución en que "o único obxectivo da convocatoria era o de sacarse un retrato entre o PP e Suplusa"

O presidente da Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa), Manuel Martínez, afeou ao Goberno provincial socialista que non acudise este venres pola mañá á entrega das chaves e do edificio da Residencia Rois, situada no municipio lucense da Fonsagrada."Cursouse invitación a todos os conselleiros de Suplusa, ao presidente da Deputación e tamén ao alcalde da Fonsagrada, que se dá a circunstancia que actualmente tamén exerce a presidencia en funcións da institución provincial", indicou Martínez.

De feito, ao acto de entrega soamente acudiron os conselleiros populares na entidade provincial e tamén varios membros do Partido Popular na localidade fonsagradina. O presidente de Suplusa, referíndose directamente ao rexedor municipal Argelio Fernández Queipo, recriminoulle o perder "unha oportunidade única de vir ver a residencia, recoller as chaves e facer con ela o que quixese, pero nin sequera tivo a decencia de aparecer".

"As chaves están en Suplusa, cando queira que veña a por elas; o que non vou facer é levarllas cando o lóxico é que viñese", engadiu Martínez.

"Onde hai que entregar as chaves é na Deputación de Lugo, non a alguén que non é o seu titular", sinalou Fernández Queipo

O máximo responsable da sociedade urbanística cualificou o sucedido como "unha montaxe política para dicir que Suplusa os puteaba e que non lles deixaba abrir as residencias". "Politicamente non o entendo", engadiu Martínez.

Desde o Goberno provincial, a deputada Pilar García Porto dixo que "o único obxectivo da convocatoria era o de sacarse un retrato entre o Partido Popular e Suplusa". "Mentres manteñen pechadas as súas oficinas márchanse á Fonsagrada para facerse unha fotografía, nós non buscamos ese impacto visual", ironizou a deputada socialista.

Pola súa banda, o alcalde da Fonsagrada dixo que "o acto foi un esperpento máis dos moitos que estamos a vivir nos últimos días". "Onde hai que entregar as chaves é na Deputación de Lugo, non a alguén que non é o seu titular", sinalou Fernández Queipo.

O rexedor fonsagradino indicou así mesmo que reiteradamente se insistiu a Suplusa para que entregase as chaves da residencia e así poder facer as xestións oportunas para a súa apertura". Fernández Queipo tamén criticou a presenza no acto do responsable local do Partido Popular na Fonsagrada, José Luís Regueiro. "Estivo a visitar a residencia sen ser nin sequera concelleira, o que vén corroborar esa ansia que teñen os populares por gobernar sen o mínimo respecto polas institucións", indicou o alcalde. 

Nova disputa entre Martínez e a Deputación a conta da residencia da...
Comentarios