A Fonsagrada rexistra cinco incendios forestais en menos de 24 horas

A Xunta ve "claros indicios de intencionalidade" nesta intensa actividade incendiaria
undefined
photo_camera Imaxe do incendio declarado no Trobo, na tarde do sábado. INCENDIOS GALICIA

Axentes forestais investigan a intensa actividade incendiaria rexistrada no concello da Fonsagrada entre a tarde do sábado e a madrugada do domingo. En menos de 24 horas producíronse cinco focos e, aínda que en todos os casos, a rápida intervención dos medios fixo que a superficie afectada fose mínima, si se detectaron, segundo a Consellería do Medio Rural, "claros indicios de intencionalidade". É que todos os lumes producíronse en zonas próximas, de forma simultánea e en horas nocturnas, cando os medios aéreos non poden voar.

O incendio que alcanzou unhas maiores proporcións foi o que se declarou na parroquia do Trobo ás 17.50 horas do sábado e que afectou a un total de tres hectáreas de monte raso e a outra media hectárea de terreo arboledo. Neste caso, os medios desprazados á zona —un técnico, cinco axentes, 16 brigadas, cinco motobombas, unha pa, catro helicópteros e dous avións— dérono por extinguido ás 18.42 horas do domingo.

Horas máis tarde, esta actividade incendiaria trasladouse ás parroquias de San Pedro de Río e á de Freixo, rexistrándose dous focos en cada unha delas.

Na primeira destas parroquias os incendios declaráronse ás 3.17 horas e ás 4.25. O primeiro lume, no que traballaron tres axentes, tres brigadas e cinco motobombas, afectou a 0,1 hectáreas de monte raso e deuse por controlado ás 5.35. O segundo, para o que se mobilizaron catro axentes, oito brigadas e cinco motobombas, quedou controlado ás 6.34 horas, despois de que as chamas danasen media hectárea de terreo arboledo.

A rápida intervención dos medios mobilizados logrou reducir ao mínimo a superficie afectada

Pero cando algúns dos medios de extinción desprazados á zona empezaban a retirarse, as alarmas volvían soar moi preto de alí, na parroquia de Freixo. Un primeiro foco declarábase ás 7.23 horas, calcinando dúas hectáreas de terreo con árbores. Dous axentes, dez brigadas, tres motobombas e un tractor cisterna deron por controladas as chamas ás 18.42 horas do domingo.

O segundo foco declarouse ás 8.53 e non se deu como controlado ata as 16.40. Afectou a 0,4 hectáreas de monte arboledo e no lugar traballaron tres axentes, catro brigadas, dúas motobombas e un tractor cisterna.

A pesar de que o lume non supuxo en ningún momento risco para as vivendas, os veciños da zona viven esta situación con preocupación e esperan que pronto se dea co responsable ou responsables destes actos. Pola súa banda, desde a Xunta recordan que toda persoa que sospeite ou sexa testemuña de calquera actividade incendiaria pode alertar, de modo anónimo e gratuíto, a través do teléfono 900.81.05.85.

Comentarios