Unha páxima web promocional conxunta para A Fonsagrada, Negueira e Ribeira de Piquín

Únense para dar a coñecer os seus recursos a través dunha iniciativa financiada co plan único
Un momento de la reunión para presentar la web www.terrasdeburon.es. EP
photo_camera Un momento da reunión para presentar a web www.terrasdeburon.es. EP

A Fonsagrada, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz promocionarán os seus recursos cunha páxina web conxunta, www.terrasdeburon.es. A iniciativa destes tres municipios que decidiron unirse para pór en valor o seu potencial está impulsada con fondos do plan único da Deputación de Lugo.

O presidente provincial, José Tomé Roca, participou na presentación deste sitio web nun acto celebrado este xoves no salón de actos municipal dos Chaos, na Fonsagrada. Tamén estiveron presentes o alcalde fonsagradino, Carlos López; o rexedor de Ribeira de Piquín e tamén deputado de recursos sostibles, Roberto Fernández Rico, e o alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña, ademais da deputada de réxime interior, promoción do territorio e turismo, Pilar García Porto; o deputado de promoción económica e social, Pablo Rivera Capón; representantes da corporación municipal da Fonsagrada e hostaleiros da zona.

O presidente da Deputación subliñou que traballar pola promoción do territorio "a través dun turismo sostible e de calidade xa era importante antes da pandemia, pero con esta crise sanitaria aínda o é máis", indicou. "En primeiro lugar, é importante para apoiar aos sectores económicos máis afectados polas restricións sanitarias, pero tamén porque a crise sanitaria fixo que o turismo de natureza, de montaña, como o que ofrece Terras de Burón, estea en alza", explicou. Este modelo de turismo, asegurou José Tomé, "é polo que traballamos na Deputación, un turismo de calidade, non masificado, sostible, de experiencias, na natureza e que pon en valor o patrimonio". 

O mandatario asegurou que "a presenza con nome propio na web é unha ferramenta moi importante para promocionar conxuntamente a enorme riqueza patrimonial, os atractivos e os establecementos turísticos e hostaleiros dos concellos que conforman Terras de Burón". 

Tomé Roca felicitou aos alcaldes da Fonsagrada, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz por esta "aposta conxunta". O presidente destacou que o proxecto da páxina web é unha realidade grazas aos fondos do plan único.

PRESENCIA NAS REDES. A web www.terrasdeburon.es difunde a oferta, actividades de lecer, gastronomía, historia e cultura da Fonsagrada, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz. Ademais, permite que os establecementos hostaleiros e turísticos da zona se promocionen de xeito gratuíto e ofrece diferentes rutas de sendeirismo e lugares emblemáticos de interese para os visitantes. Os contidos desta plataforma estarán en continua renovación e actualización e apoiarase tamén nas redes sociais para facer promoción do territorio.

Comentarios