A Fonsagrada lembra nun seminario o Batallón Galicia e os crimes do Acevo

Conferencias, documentais e unha ruta afondaron na historia deste "exército galego contra o franquismo"
Participantes no curso, nun dos lugares relacionados co periplo do Batallón Galicia. EP
photo_camera Participantes no curso, nun dos lugares relacionados co periplo do Batallón Galicia. EP

"Como ya están enterados,/ en ese pueblo de Acevo/ mataron a dieciséis/ y el comandante Moreno". Como tantos veciños da Fonsagrada e de Grandas de Salime, o escritor asturiano Cristóbal Ruitiña escoitou dende neno esta copla, parte do único romance popular que se coñece en relación á memoria histórica. O sábado foi el quen abriu o Seminario pola Memoria organizado por Nova Escola Galega no municipio fonsagradino, e tras escribir un libro no que comprobou que todo o que contaba ese romance que a súa avoa lle transmitira era certo.

E non só. Ao pouco de iniciar a investigación, a raíz das exhumacións no ano 2007 dos anarquistas asasinados pertencentes ao Batallón Galicia, Ruitiña descubriu que o seu bisavó paterno fora un dos homes obrigados a enterralos. Xa rematando o libro, averiguou que o materno, asturiano, se alistara no Batallón antes de que este "exército galego contra Franco" pasase a estar integrado só por galegos. A historia estaba na súa familia, pero en silencio.

Ese silencio foi o que Nova Escola Galega quixo rachar neste curso que na xornada de onte contou coa presenza de Antón Santamarina, Xoán Xosé Molina, María Xosefa Ortiz ou Francisco Martínez López -Quico-, guerrilleiro na Federación de Guerrillas León-Galicia. Conferencias, documentais e a visita aos lugares relacionados co periplo do Batallón tiveron por obxectivo o de "afondar na historia non recollida nos libros, para poder transmitila aos alumnos", indicou César Cimadevila, organizador deste curso fundamentalmente dirixido a docentes que continúa este domingo e ao que asisten máis de 40 persoas.

Os participantes destacaron que o Batallón desminte a idea de que Galicia non se mobilizou ante os sublevados. "Aínda que moitos galegos loitaron contra Franco, estes quixeron identificarse co mesmo nome do Batallón", comenta Cimadevila, que explicou que, ante a caída da fronte asturiana, este grupo fuxe por Grandas de Salime coa esperanza de, na Coruña, poder atopar unha saída por mar.

O brutal asasinato e o feito de que varios nenos fosen obrigados a enterrar os cadáveres deixaron unha fenda na memoria dos veciños, que se reparou en parte co enterramento dos restos a raíz das obras na estrada que une Grandas de Salime coa Fonsagrada.

Francisco Martínez, cos seus 93 anos, reivindicou "la necesidad de saber cómo fue el pasado y de la elaboración de un relato histórico riguroso, más allá de los comentarios nostálgicos o victimistas. Es necesario zanjar el problema del pasado, con justicia, con rigor y con reparación. Olvidar es la antítesis del conocimiento".

Comentarios