A Fonsagrada estivo sen auga 5 horas por unha avaría na rede

Un rebentón nunha tubaxe da canalización principal, na Rúa Maior, provocou a incidencia
Agua del grifo. AEP
photo_camera Auga da billa.AEP

A vila da Fonsagrada estivo este martes unhas cinco horas sen subministración de auga da traída por unha avaría na rede de abastecemento. O incidente estivo provocado polo rebentón dunha tubaxe de fibrocemento da canalización principal, á altura da Rúa Maior.

Segundo explicou o alcalde, Carlos López, o goberno local foi alertado do corte sobre as dez da mañá, aínda que algúns veciños sinalaron que os problemas xa empezaron antes.

"A tubaxe que explotou é a que serve a todo ou centro urbano, nun tramo aínda de fibrocemento que quedou obsoleto e que queremos renovar", explicou o rexedor, quen sinalou que, finalmente, os operarios lograron reparar a avaría algo antes das tres da tarde e os fogares foron recuperando aos poucos a subministración. Entre os principais prexudicados estiveron varios negocios, sobre todo os hostaleiros. "Aínda que a tubaxe é vella, non son frecuentes as roturas", resaltou López, quen lamentou o este corte producísese "en pleno verán" e causase molestias a veciños, peregrinos e establecementos.

PROXECTO PENDENTE. O alcalde explicou que o goberno local ultima a redacción do proxecto de substitución dese último tramo de fibrocemento, duns 150 metros, que falta por renovar da traída, tras outras actuacións previas nesa liña, a última executada hai un ano con apoio de Augas de Galicia. López dixo que están precisamente á espera de que se convoque outra orde autonómica de axudas nesa área para pedir unha subvención coa que sufragar a obra.

Comentarios