A Fonsagrada avanza no seu plan para renovar a rede de abastecemento de auga

Este mes finaliza a obra para substituír algo máis de 600 metros de tubos de fibrocemento
Trabajos en la red. EP
photo_camera Trabajos en la red. EP

O Concello A Fonsagrada avanza no plan de mellora da rede de abastecemento de auga, coa substitución das tubaxes de fibrocemento por outras en PVC.

Estes días os operarios traballan nun tramo de algo máis de 600 metros que transcorre por un das marxes da estrada entre A Fonsagrada e Vilardíaz. O obxectivo é que a obra estea finalizada antes de que acabe este mes.

O rexedor fonsagradino, o socialista Carlos López López, asegura que o proceso de renovación da rede está a executarse coa rapidez posible e que, unha vez que este tramo estea listo, xa só quedará outro para que o proxecto de mellora quede rematado totalmente.

A rede de abastecemento de auga da Fonsagrada transcorre desde a estación de bombeo de San ata o propio centro urbano. Trátase dun total de cinco quilómetros que, na súa gran maioría xa foron totalmente renovados.

Unha vez que se finalice a actual actuación xa só quedaría un quilómetro de rede por executar, "polo que esperamos que ao longo do próximo ano A Fonsagrada conte xa cunha rede totalmente renovada", asegura Carlos López.

As obras no tramo no que se está traballando estes días contan cun orzamento total de 45.000 euros, cantidade financiada ao 80% por fondos autonómicos, mentres que o 20% restante achégao o propio Concello fonsagradino.

A renovación desta rede de augas era unha actuación moi esperada polos veciños. A construción do abastecemento da Fonsagrada data dos primeiros anos da década dos setenta do pasado século, polo que as tubaxes xa presentaban serias deficiencias e as avarías eran frecuentes.

Ademais, as tubaxes de fibrocemento conteñen amianto, unha sustancia que ao resultar potencialmente perigosa, as distintas administracións aconsellan substituír coa maior celeridade posible.

Comentarios