Ferido un home na Fonsagrada ao envorcar o tractor que conducía

A vítima estaba a se desprazar desde Barbeitos e Ferreirous

Un home de 78 anos, con iniciais M.A.F, resultou ferido este xoves ao sufrir un accidente co tractor que conducía no municipio lucense da Fonsagrada.

Segundo informaron fontes do Centro Integrado de Atención a Emerxencias de Galicia (CIAE), o accidente produciuse ás 20:20 horas, na parroquia de Fonfría, cando o home se desprazaba no seu tractor desde Barbeitos a Ferreirous.

O tractor saíuse da vía e envorcou, de modo que o condutor quedou inicialmente atrapado.

Aínda que chegaron a ser mobilizados os bombeiros, finalmente non foi necesaria a súa intervención para rescatar á vítima, que recibiu os primeiros auxilios no mesmo lugar do accidente por parte dun equipo sanitario e dun dos médicos de Atención Primaria da localidade.

Finalmente, foi evacuado nunha ambulancia asistencial do 061 ao HULA.