Feijóo aposta en Baleira por un “rural que conta cada vez con máis servizos"

O titular do goberno galego destacou o avance que a comunidade experimentou nestes últimos anos en relación coa atención aos maiores
Visita de Núñez Feijóo al centro público de Baleira. XESÚS PONTE
photo_camera Visita de Núñez Feijóo al centro público de Baleira. XESÚS PONTE

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, destacou este luns durante a súa visita á residencia e centro de día público de Baleira, acompañado pola consellería de Política Social, Fabiola García, que esas instalacións son a mostra de que "un rural con servizos é un rural vivo".

Durante a visita, Feijóo exaltou "a calidade de atención" deste centro, que abriu as súas portas en 2019 e que conta con 24 prazas públicas de residencia e outras 20 no centro de día, para aqueles usuarios que prefiren seguir vivindo nas súas casas e pasar unhas horas ao día facendo actividades en compañía doutras persoas maiores.

Ao longo da súa intervención, o titular do goberno galego destacou o avance que a comunidade experimentou nestes últimos anos en relación coa atención aos maiores.

Uns avances, dixo, que fan posible que, vivan onde vivan, os galegos "teñan a posibilidade de facerse maiores nas súas casas con atención profesional", a través do Servizo de Axuda no Fogar que, actualmente, atende a máis de 24.600 persoas.

Tamén que teñan acceso a servizos como podoloxía, audiología e estimulación da memoria, grazas a programas como Coidados porta a porta, cuxos autobuses comezarán a rodar por toda Galicia nas próximas semanas.

"O noso obxectivo é que o rural conte cada vez con máis servizos, con máis vitalidade e con máis benestar", dixo, referíndose tamén ás 83 casas do maior que xa están abertas por todo o territorio. 

Comentarios