Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

Falece en Arxentina aos 103 anos o antropólogo cervantego Fiz Fernández

Aínda que emigrou do seu San Román natal cando aínda era un neno, sempre se mantivo unido a Galicia, onde viaxaba con frecuencia

Antonio Fiz Fernández. EPO pasado día 23 de agosto faleceu na capital arxentina aos 103 anos de idade o prestixioso médico e antropólogo Antonio Fiz Fernández, nacido en San Román de Cervantes e autor, entre outros moitos libros, do titulado Viva cien años.

Fiz Fernandez emigrou cos seus pais a Arxentina sendo un neno. Alí fíxose médico na Universidade da Prata e chegou a ser un dos profesionais máis famosos e reputados do país.

Amigo de Castelao, foi presidente da Comisión de Cultura do desaparecido Centro Lucense e membro do Instituto Arxentino de Cultura Galega. Viaxou a Galicia con frecuencia. Estivo casado con Martha Lucrecia Nicora e unha filla de ambos é hoxe unha afamada psiquiatra en París.

Ademais do libro citado, a súa principal obra é Antropología, Medicina y Cultura Indígena en América y Arte Rupestre argentino, publicada en varios volumes como froito da súa experiencia investigadora en 42 países de todo o mundo.

Outros títulos seus son La columna vertebral y Política y Moral. Hai 16 anos pronunciou unha conferencia en Santiago sobre Las mil maneras de curar para prolongar la vida.

Era profesor de Historia do Medicamento na Universidade Nacional de Buenos Aires (Facultade de Medicina), expresidente do Ateneo de Historia do Medicamento da Universidade Nacional de Buenos Aires e membro das sociedades de Historia da Farmacia, de Humanismo Médico, do Ateneo do Hospital Rivadavia e da Société d'Histoire de la Médecine, entre outras arxentinas e internacionais.

Tamén foi o fundador da Sociedade Arxentina de Acupuntura e pertencía á sociedade arxentina de escritores. Estaba en posesión de numerosos recoñecementos.

Falece en Arxentina aos 103 anos o antropólogo cervantego Fiz...