domingo. 22.09.2019 |
El tiempo
domingo. 22.09.2019
El tiempo

Falece aos 61 anos Obdulia Fernández, cociñeira e copropietaria de Casa Villar

Obdulia Fernández. EP
Obdulia Fernández. EP
O restaurante de Paradavella, na Fonsagrada, é un lugar de referencia polo seu cocido e as súas sobremesas

Ás veces había que esperar varios meses para ter mesa, coma se se tratara do Bulli. E boa parte da culpa tíñaa Obdulia Fernández Arias, que coa súa habilidade nos fogóns e a súa empatía cos clientes logrou converter Casa Villar, en Paradavella (A Fonsagrada), en lugar de peregrinación para os amantes do cocido. Nacida en Baleira, concretamente no Trabeiro (A Fontaneira), acaba de falecer aos 61 anos vítima dunha enfermidade que no seu caso resultou irreversible.

Obdulia Fernández levaba preto de catro décadas residindo en Paradavella, onde se fincou tras o seu matrimonio con José Manuel Portela González. Xuntos lograron converter o que non era máis que unha taberna con tenda de ultramarinos fundada cara a 1936 nun os restaurantes de referencia na provincia de Lugo á hora de degustar o butelo, o seu produto estrela, sempre acompañado de xenerosas racións de cachucha, chourizos, lacón, patacas, grelos e garavanzos. Non menos abundantes eran as súas variadas e orixinais sobremesas, de ata catro ou cinco tipos, que formaban parte dun calórico e exquisito menú.

A calidade do produto e do servizo, unida á simpatía dos propietarios e ao bo facer de Obdulia, tanto como cociñeira como na súa faceta de reposteira, fixeron de Casa Villar un lugar de encontro para comensais chegados desde distintos puntos de Galicia e incluso doutras comunidades autónomas que debían formalizar a súa reserva coa debida antelación ante a elevada demanda existente. Para que nada faltase, o único fillo do matrimonio, José Manuel Portela Fernández, achegaba na súa condición de galardoado barista gran pericia na elaboración de cafés e gin-tonics.

Axiña que se tivo noticia do falecemento desta hostaleira sucedéronse as mostras de condolencia cara á súa familia por tan irreparable perda, dado que ademais de ser unha persoa moi coñecida era tamén moi querida pola súa afabilidade, proximidade e un perenne sorriso no seu rostro.

A capela ardente cos seus restos mortais quedou instalada na sala número 2 do fonsagradino Tanatorio Regueiro, onde se rezou un rosario. Foi o momento que moitos veciños e amigos aproveitaron para trasladar o pésame ao seu viúvo e ao seu fillo, así como ao seu irmán Francisco Fernández Arias (empresario fincado en Barcelona) e demais familia, entre os que se atopan a súa nai política, Emérita González Díaz; os seus irmáns políticos, sobriños e primos.

A condución do cadáver terá lugar ás seis da tarde deste mércores desde o tanatorio ata o cemiterio parroquial de Paradavella. Seguidamente, ás sete, celebrarase o funeral polo seu eterno descanso na igrexa parroquial desta localidade, situada entre O Cádavo e A Fonsagrada, en plena estrada LU-530.

Falece aos 61 anos Obdulia Fernández, cociñeira e copropietaria de...
Comentarios