Reciben a alta os seis evacuados polo incendio nunha vivenda de Baralla

O lume sorprendeunos na madrugada do domingo e os afectados, tres deles menores de idade, foron evacuados ao Hula
photo_camera Así quedou a casa calcinada. VÍDEO: SEBAS SENANDE

Seis persoas tiveron que ser evacuadas ao Hula na madrugada do domingo polo incendio que calcinou por completo o seu domicilio, no lugar da Revolta, no municipio de Baralla. Tres delas son nenos de seis, sete e nove anos, fillos dunha das persoas que vivía nesta casa que resultou consumida polas chamas. Afortunadamente, todos recibiron a alta médica ao mediodía, sen rexistrar feridas graves máis que algunha pequena queimadura.

A central galega de urxencias do 112 recibiu o aviso ás 5.30 horas por parte dun particular que alertaba da existencia dun lume que estaba a consumir a única casa deste núcleo na parroquia de Penarrubia. Enseguida, transmitiu dito aviso ao servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, e mobilizou dúas ambulancias, a bombeiros do parque de Sarria, a membros do GES de Becerreá e á Garda Civil. O Concello de Baralla tamén desprazou ao lugar unha carroceta para colaborar coas tarefas de extinción.

Con todo, pouco puideron facer os servizos de urxencia, pois cando chegaron ao lugar o lume xa estaba completamente estendido por esta vivenda tradicional de dúas plantas. A dimensión das chamas impediu a esta familia entrar na vivenda para salvar algún dos seus bens. Polo momento descoñécese cal puido ser a causa do incendio, aínda que se apunta á obstrución da cheminea ou da cociña de leña, ou a unha estufa, detonantes moi comúns nesta época.

ESPERTAR COAS CHAMAS. Ao parecer, segundo informou o operativo encargado da extinción, os nenos espertáronse por causa do lume na súa habitación pola noite, e avisarían aos demais habitantes da casa, que tiveron que saír practicamente co posto, ata o punto de que non puideron nin sequera buscar a súa documentación ou as chaves do coche.

Foron efectivos da Garda Civil os que tiveron que mover ese vehículo ante o risco que supuña a súa proximidade ao lume. Os afectados si puideron, con todo, liberar aos dous cans que vivían na casa, e tamén abrir o alpendre onde tiñan unhas cabras, polo que ningún dos animais resultou ferido.

[Así quedou a vivenda. SEBAS SENANDE]

Os bombeiros de Sarria estiveron a traballar nas tarefas de extinción desde as 6.15 ata as 8.45, e en colaboración cos demais efectivos. O GES de Becerreá permaneceu na zona ata as dez da mañá. Ao mediodía aínda se vía como saía fume da casa dese lugar próximo ao núcleo de Neira de Rei e ao que conduce unha pista sen asfaltar.

SEN FERIDOS GRAVES. Os afectados foron trasladados en dúas ambulancias -os nenos nun vehículo e os adultos noutro-, primeiro ata a PAC de Becerreá, e máis tarde ao Hula, onde lles foi realizado un recoñecemento máis exhaustivo tras o que recibiron o alta ás 14.00 horas.

Polo momento, os nenos, a súa nai e a outra parella que vivía na casa permanecen nun hotel que lles foi xestionado polo Concello de Baralla na capital lucense, á espera de decidir, nos próximos días, onde se reacollerán. Todos eles son veciños recentes do municipio –o que máis tempo leva nel cumpre un ano na zona– e os nenos empezaron este curso escolar en Baralla.

O alcalde de Baralla, Miguel González Piñero, achegoulles onte pola tarde roupa e outros elementos de primeira necesidade, e afirmou que o Concello lles axudará no posible nestas circunstancias ata que atopen unha nova vivenda.

Tamén indicou que lles prestarán o seu apoio para realizar os trámites administrativos que teñan que realizar, xa que toda a súa documentación ardeu co incendio. "O importante agora é que se recuperen deste susto que foi moi grande", comentou o rexedor municipal.