Evacuado ao hospital un cervantego tras envorcar co seu tractor en Cancelada

Un veciño de Cervantes tivo que ser evacuado na tarde de de este venres ao Hula tras accidentarse co seu tractor no lugar de Dumia, na parroquia de San Tomé de Cancelada.

Os feitos rexistráronse ao redor das seis da tarde cando o home, que circulaba por unha pista entre castiñeiros, perdeu o control do vehículo agrícola, que acabou envorcando.

Os primeiros en acudirse na zona para socorrelo foron os médicos do centro de saúde cervantego, xa que o lugar do accidente atópase preto de San Román, onde se sitúa o consultorio.

A central galega de urxencias do 112 tamén mobilizou a efectivos da agrupación local de Protección Civil, do GES de Becerreá e da Garda Civil. Este dispositivo axudou a trasladar en padiola ao lesionado, que ao parecer non quedara atrapado e estaba consciente, desde o camiño no que envorcou o vehículo que conducía ata a pista onde esperaba unha ambulancia para proceder ao seu traslado.

O accidentado, duns 60 anos, foi levado ao Hula para ser sometido a unha revisión.