O estanco de Baralla sofre en só un mes o seu segundo roubo de tabaco

Os ladróns volveron actuar de madrugada e accederon ao local a través dun butrón na parede

Os propietarios do estanco de Baralla denunciaron na xornada deste mércores un novo roubo de mercancía no seu establecemento, o segundo que sofren en apenas un mes.

Segundo explican, os feitos ocorreron ao redor das 4.30 horas da madrugada. Nesta ocasión, os ladróns realizaron un butrón nunha das paredes traseiras, a través do que lograron acceder ao local. Unha vez dentro levaron varios cartóns de tabaco, cuxo valor no mercado está pendente de cuantificar.

Aínda que o modus operandi dos malfeitores foi diferente ao empregado no roubo que sufriu este mesmo establecemento o pasado 9 de outubro, os donos do local sospeitan que podería tratarse das mesmas persoas, "xa que nesta ocasión deron mostras de ter estudado ou baixo para saber por onde entrar con máis tranquilidade".

No roubo de hai un mes, os ladróns accederon ao interior do establecemento logo de forzar a porta da entrada. O subtraído aquela noite foron tamén varios cartóns de tabaco, cuxo valor no mercado ascendía a uns 6.000 euros.

Os responsables deste establecemento afirman sentirse "moi preocupados" pola onda de roubos que periodicamente sofren os negocios da vila, polo que piden ás autoridades "unha maior vixilancia".

Comentarios