Un empresario cheo de inquietude

Emilio Álvarez, natural da Fonsagrada e residente en Asturias, inventou un novo sistema de sinalización viaria logo dunha longa traxectoria no ámbito do comercio
Emilio Álvarez. EP
photo_camera Emilio Álvarez.

Emilio Álvarez ideou un sistema de sinalización viaria que consiste na robotización dos triángulos de seguridade que se colocan na estrada cando se produce unha avaría ou accidente. "Eu nacín en Lamas de Moreira, no concello da Fonsagrada, e alí non tiñamos luz pola noite. Os meus irmáns e eu depertabamosnos coa luz do día, por iso sempre estiven atento a estas necesidades", explica o inventor, que ademais traballou no ámbito da Dirección Xeral de Tráfico anteriormente e agora reside en Asturias.

O empresario, que leva cinco anos deseñando a iniciativa Stopvia, conseguiu a patente do invento. "Sempre fun moi curioso e deime conta de que existía unha lagoa no sistema de tráfico", di Emilio, que non deixa de forxar novos proxectos aos seus 74 anos. "Queremos dotar de vida e de movemento ao sistema de triángulos", sostén.

"As normas dinnos que non podemos circular por unha autopista paro á súa vez obríganos a transitar por unha beiravía para sinalizar cando temos unha avaría ou accidente. Empecei a traballar en mellorar esta contradición". De aquí nace a súa idea de mellorar o sistema para evitar os numerosos accidentes que se producen no momento no que temos que transitar pola vía.

"Fixemos un estudo e vimos que non existía nada semellante a este invento", argumenta Emilio, que espera a acreditación da Unión Europea para universalizar a iniciativa de seguridade. "Agora mesmo, co tema da pandemia, está todo un pouco parado. Estamos á espera de que as cousas volvan á normalidade", di.

O fonsagradino está a escribir tamén un libro autobiográfico e, de momento, non ten previsto cesar a súa actividade. "Se non estás activo e non loitas é que estás morto", declara o empresario, que se levanta todos os días ás seis da mañá e non perde nin un segundo. "Se as cousas saen mal non importa, pero me gusta manter a cabeza ocupada e ter algo entre mans", expón.

Emilio fundou a empresa fotográfica Interfilm en 1982, logo de traballar nunha multinacional na que aprendeu moito sobre estratexia comercial e mercadotecnia. "Non sabía nada de fotografía, era un afeccionado, pero tiña moita ilusión", asegura. A compañía foi adaptándose a éraa dixital co paso do tempo e agora ten 50 tendas distribuídas por toda España.

"As pequenas e medianas empresas vivimos nunha continua loita para sobrevivir pero hai que reactivarse sempre", manifesta o inventor de Stopvia. Emilio foise da súa casa aos nove anos a estudar a Santander. Máis tarde, logo de empezar a carreira de Dereito en Lodosa, o fundador viu que non era para el e deixouna para comezar a traballar no ámbito do comercio, ao que dedicaría a maior parte da súa vida.

Con todo, Emilio non deixou de formarse no ámbito da mercadotecnia. Traballou na administración de distintas empresas ata que se fixou na oferta dunha multinacional. "Ofrecían unha praza e presentámonos 150, así que non tiña demasiadas esperanzas", di con humildade Emilio, que foi elixido entre todos os candidatos. "Alí aprendín moitísimo e despois decidín abrir a miña propia empresa", explica.

Agora Emilio vive en Asturias, pero visita o seu pobo natal sempre que ten ocasión. "A miña terra gárdoa no corazón. Sempre que vou aproveito para comer o polbo", afirma o creador de Stopvia, que lle fascina o modo de vida da Fonsagrada. "Os galegos temos unha forma especial de ver a vida", asegura.

Comentarios