As empanadas das Nogais esgótanse e a feira consolídase no calendario

Javier Gómez destacou no pregón a presenza deste alimento en todas as culturas e as facilidades que ofrece para conservar alimentos varios días, de aí o seu éxito entre os peregrinos

Un puesto de empanadas en As Nogais. J. VÁZQUEZ
photo_camera Un posto de empanadas nas Nogais. J. VÁZQUEZ

A XIII Feira da Empanada das Nogais deu este domingo un paso máis na súa consolidación no calendario de citas gastronómicas. A media tarde, os postos das panaderías xa estaban baleiros, tras recibir a visita dun bo número de clientes que deron boa conta das distintas empanadas que se ofrecían

O manxar tradicional serve de cebo, pero este domingo nas Nogais despacháronse outros moitos produtos da zona dos Ancares, como pan, pasteis, mel, licores ou artesanía.

A feira contou co pregón do historiador Javier Gómez Vila, quen falou das orixes da empanada e da súa presenza en todas as culturas a través dos tempos. Referiuse tamén aos camiños que atravesan As Nogais e á utilidade deste tipo de preparación para conservar os alimentos dos camiñantes.

CONCURSO. Aínda que o día grande da feira foi onte, os fogóns quentáronse xa o sábado co concurso de empanadas para adultos e de repostería para nenos, no que destacou especialmente a elevada participación dos máis pequenos.

O primeiro premio de empanadas foi para Silvia Santín Castro, o segundo para Johana Rodríguez Santín e o terceiro para Amadora, que levou tamén o premio á innovación. A mellor presentación foi a de Conchi Vázquez.

En repostería, a primeira clasificada foi Daniela Novo López, coa súa Bolboreta Primaveral; seguida de David Pol Castro e as súas Galletas Pantasma, e Ainara Carreras Lozano, coa súa Playa de Chocolate. Ademais, houbo once premios máis para outros participantes.

Comentarios