A Deputación anuncia que a residencia de Pedrafita abrirá esta primavera

Será a sexta que xestione a institución provincial
La diputada Pilar García Porto. EP
photo_camera A deputada Pilar García Porto. EP

A Deputación de Lugo anunciou que "esta mesma primavera" empezará a funcionar a nova residencia de maiores de Pedrafita do Cebreiro, de modo que a institución provincial xestionará xa seis xeriátricos –Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada e Castroverde–, coa previsión de que sexan oito antes de finalizar o ano, grazas á incorporación dos centros de Meira e Navia de Suarna.

Así o confirmou a portavoz socialista do goberno provincial, Pilar García Porto, logo de informar de que a xunta de goberno autorizou este venres a apertura do procedemento negociado para contratar as prestacións básicas da residencia de Pedrafita, último paso administrativo previo á súa entrada en funcionamento.

García Porto explicou que ese contrato inclúe as prestacións de cociña, limpeza e asistencia básica, cun importe de licitación de 771.871 euros, para a prestación deses servizos ata xuño de 2022.

"Trátase dun servizo 100% público, que favorecerá a calidade de vida e o benestar das persoas maiores", dixo García Porto, ademais de dinamizar "a economía local, coa creación de postos de traballo, o que contribuirá a fixar poboación no municipio e na comarca".

A deputada avanzou que "a mediados de ano" está prevista a apertura da residencia de Meira e, "no segundo semestre, a de Navia de Suarna".

Comentarios