A banda de rap Dios Ke Te Crew estrea o vídeo que rodou na Fonsagrada e Negueira

O realizador fonsagradino Xosé Miranda puxo imaxes a un tema que reivindica unha volta ao rural
Dios Ke Te Crew. EP
photo_camera Dios Ke Te Crew. EP

A histórica banda de rap galega Dios Ke Te Crew estreou o vídeo que o realizador de referencia para a música independente, Xaime Miranda, gravou na Fonsagrada e en Negueira de Muñiz. En consonancia coa súa mensaxe, esta estrea tivo acubillo nas redes sociais da Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre, que une asociacións e colectivos que loitan pola defensa do patrimonio natural en 40 concellos, e á que tamén irán os cartos que xere a reprodución do vídeo na conta de Youtube da banda.

"Hai que dar un paso adiante para avanzar para atrás", di o retrouso deste "Reinicio", que forma parte do álbum "O ciclo da serpe", unha frase que colle máis sentido nestes tempos de emerxencia sanitaria que tamén revelan que no rural se resiste mellor.

Ese paso para adiante deuno este grupo na Fonsagrada, seguindo a teima de Xaime Miranda de meter veciños e familiares nas súas creacións audiovisuais. Ese pasado que é futuro está, neste vídeo, nesa fronteira entre Galicia e Asturias, nalgún recuncho de Negueira e de Os Oscos, e nas aldeas da Fornaza e Vilarello.

A primeira é a aldea dos avós de Miranda e a segunda, a de Tita Blanco, coñecida en toda a comarca -e non só- pola elaboración artesá de butelos de estómago enteiro que tamén enmarcan, pendidos na curación, o rap dos Dios Ke Te Crew. "A súa lareira é unha pasada", di Miranda. E, sobre todo, sostible, como di a letra: "Quentado polo lume da lareira sonche independente".

"A letra e a idea do vídeo enfréntanos, aínda máis neste momento, coa idea de que ten que haber un cambio, de que o mundo precisa ser máis amable", comenta Xaime Miranda.

Veciños e familiares do director deixaron as súas hortas e viñas para gravar planos, colaboraron coa pirotecnia ou actuaron como figurantes nesa reivindicación da maior sostibilidade e forza dos lazos comunitarios da vida dos avós.

CHISCOS Á COMARCA. Se a letra di que nada de meigas fóra, Xaime Miranda tomouno en serio. Un dos chiscos da súa total colleita no videoclip é case un meigallo. A taciña que levan á boca na lareira de Tita, e que ben semella unhas inocentes "chulas" da zona, é unha pel de serpe seca cocida en leite. "Nesta zona dicíase antigamente que era boa para curar os catarros. Sen embargo, ninguén se animou a bebela, foi só unha especie de curiosidade etnográfica", comenta Miranda.

O cacho da escena final si que se leva á boca. Esa cunca de madeira para beber viño de xeito colectivo deixoulla un veciño de Negueira de Muñiz, de onde son típicas. «Xa tiñamos pensado que o vídeo rematase cunha cerimonia colectiva, e así foi. Acaba cun lume e con ese cacho, que é moi antigo», comenta.

A neve tamén fixo a súa aparición, e alongou a rodaxe. "O mellor é sempre o imprevisto", comenta Miranda. Para Dios Ke Te Crew, o mellor tamén é o que está máis cerca. Iso é o que conxuran co seu rap.

Comentarios