Un desprendemento de terra obriga a cortar un viario en Cervantes

A estrada que une Degrada e Piornedo permanece pechada por precaución a pesar dos traballos de limpeza que realizou o luns a Deputación

Estado de la carretera LU-P-1401.EP
photo_camera Estado da estrada LU-P-1401.EP

LUGO. As fortes choivas que caeron nunha parte do municipio de Cervantes o pasado fin de semana provocaron o derrube dunha parte do firme da estrada LU-P-1401, que une Degrada con Piornedo, o que obrigou a pechala ao tráfico. Operarios dos servizos de conservación da Deputación —titular do viario— realizaron onte traballos de limpeza no mesmo, pero o risco que supuña o seu estado para os vehículos, en especial para os pesados, obrigou ao ente provincial a restrinxir o seu acceso.

«Por precaución, e en vistas de tomar unha determinación que será de maneira rápida, a estrada quedará cortada», explicou o deputado de Vías e Obras, Argelio Fernández. A perda de masa forestal na ladeira lindeira e as fortes precipitacións provocaron ademais que o viario se enchese de rocas, terra e cascallos. «Hai que ter en conta que cos incendios houbo unha deforestación que nos perxudicou a todos. Cada vez que hai precipitacións como as que houbo, ao facerse cortalumes, canalizar a auga, que termina en puntos moi concretos da vía que a estrada é incapaz de absorber», afirmou Fernández, que asegurou que a Deputación traballará para poder restablecer «canto antes» a circulación.

«Pido paciencia. Haberá desvíos sinalizados e traballaremos para solucionar ou problema canto antes», agregou o deputado provincial.

A estrada LU-P-1401 xa se viu afectada anteriormente polas condicións meteorolóxicas. «A estrada estaba afectada por unha tronada anterior, e a tormenta do pasado sábado agravou a situación», explicaron desde Protección Civil.

Comentarios