Descartan que un perigoso delincuente se instalara na Fonsagrada

As forzas de seguridade non dan credibilidade aos rumores que circularon por grupos de Whatsapp

As forzas da orde descartan que nas últimas semanas un perigoso delincuente se instalara na Fonsagrada, polo que non dan credibilidade aos rumores que ultimamente circulaban por varios grupos de Whatsapp de veciños da zona nos que se alertaba da presenza dun individuo do que se dicía que, incluso, podería intentar intimidar unha muller.

Segundo explicaron desde o Concello, a Garda Civil levou a cabo nos últimos días unha investigación para saber se algunha das persoas que ultimamente residen na vila conta con algún tipo de denuncia ou antecedentes penais, xa sexa por un delito sexual ou doutras características. Estas pescudas deron un resultado negativo, polo que os axentes afirman que non hai ningún motivo para a alarma.

Este tipo de alertas, sobre todo en poboacións pequenas, non son inusuais cando os veciños da zona aprecian a chegada dalgunha persoa nova e cuxos hábitos diarios poden chegar a chamar a atención por resultar inusuais.

Isto é o que puido pasar neste caso, xa que tampouco hai constancia que durante estes últimos días se produciu na Fonsagrada ningún tipo de episodio que puidese facer pensar na necesidade de reforzar as precaucións.