A Deputación e a Aelu animan ás mulleres a emprender na Montaña

Presentaron na Fonsagrada a iniciativa Feminino no Rural, que ofrece de maneira gratuíta formación e asesoramento personalizados a empresarias e emprendedoras de toda a provincia
Roberto Fernández, Carlos López e Úrsula Pérez, co cartel da iniciativa. SABELA FREIRE
photo_camera Roberto Fernández, Carlos López e Úrsula Pérez, co cartel da iniciativa. SABELA FREIRE

Úrsula Pérez, técnica de Asociación de Empresarias da Provincia de Lugo (Aelu); Roberto Fernández Rico, deputado da área de Recursos Sostibles, e Carlos López, alcalde da Fonsagrada, presentaron o proxecto Feminino no Rural, na casa do concello.

Trátase dunha iniciativa que ofrece de maneira totalmente gratuíta formación e asesoramento personalizados a mulleres empresarias e emprendedoras do rural da provincia, non só para lanzar os seus negocios, senon que tamén está pensado para empresas que xa están funcionando, como sinalou Úrsula Pérez. Esta actividade está financiada integramente pola institución provincial cunha achega de 40.000 euros e desenvolvida pola Aelu.

A técnica da entidade explicou que o proceso terá tres fases, que serán iguais nas sete comarcas, contando cunha presentación do proxecto na comarca en cuestión, un almorzo de traballo aos 15 días da mesma –no caso de Fonsagrada terá lugar o día 2– e, por último, a selección de 5 proxectos por zona, co obxetivo de "conseguir que no rural se sigan poñendo en marcha iniciativas e sobre todo levadas a cabo por mulleres", apuntou Úrsula Pérez.

Roberto Fernández Rico empezou sinalando que é imprescindible fortalecer e apoiar o tecido empresarial da provincia e continuou contando que "dende a Deputación de Lugo temos claro que a creación de emprego, sobre todo emprego xuvenil e feminino, é un factor imprescindible para que haxa actividade económica e para fixar poboación no territorio".

Tamén falou da necesidade de aproveitar os recursos dos concellos, sinalando que istos son moi valiosos e que hai que explotalos dunha forma sostible co medio.

O alcalde fonsagradino falou das xornadas, sinalando que estas estaban dirixidas a un sector, o de servizos, que na Montaña sempre estivo un pouco infravalorado, sobre todo no caso das mulleres, que "sempre foron as que traballaron arreo e nunca lles foi valorado ese labor".

Carlos López indicou que "no sector servizos e no primario xa hai moitas mulleres ao carón, mulleres gandeiras e moitas explotacións a nome delas", e terminou agradecendo o papel da Deputación e da Aelu á hora de promover estas actividades enriquecedoras.

EN DETALLE. Das 25 prazas para o almorzo de traballo, farase unha selección de cinco empresarias e emprendedoras por comarca. En total, 35 mulleres do conxunto da provincia recibirán unha formación e un asesoramento personalizado.

Despois dos encontros que xa tiveron lugar este luns en Fonsagrada, e días atrás na Mariña e en Lugo, o vindeiro será o día 14 en Vilalba, e seguiranlle o 15 en Arxeriz (O Saviñao), o 20 en Láncara e o 22 en Antas de Ulla.

Para calquera dúbida, os impulsores de Feminino no Rural poñen a disposición o número de teléfono 982.80.15.18 e o correo electrónico [email protected], así como a páxina web da Aelu.

comentarios