Denuncian ao Concello de Baleira por non facerse cargo dun can atropelado

Tamén denuncian ao tenente de alcalde por omisión do deber de socorro. O cadáver do animal leva quince días no hospital veterinario
El perro atropellado. EP
photo_camera O can atropelado. EP

Unha veciña da Fonsagrada, Bibiana Regueiro Fernández, denunciou ao Concello de Baleira por non facerse cargo dun can que atopou ferido tras ser atropelado na estrada, e que tivo que levar a un hospital, onde faleceu e onde levan quince días esperando que o Concello se faga cargo dos seus restos. Ademais, esta veciña, que asumiu ata agora os gastos, denunciou ante a Garda Civil ao tenente de alcalde do municipio, como suposto autor dun delito de omisión do deber de socorro.

Esta veciña conta que atopou o animal ferido o día 18 de novembro, na estrada LU-710 á altura de Corveira, en Baleira. No lugar xa había outra veciña, que estaba a chamar ao Concello ante a situación. Desde o Concello, segundo contan, dixéronlles que se presentarían no lugar. Como a situación do can era crítica, Bibiana decidiu trasladalo ao hospital veterinario HA, en Lugo, e instada polo 112, a quen comunicou a situación ás 15.00 horas, volveu chamar ao Concello.

O can morreu ese mesmo día por mor das feridas internas sufridas no atropelo. Regueiro comunicouno ao Concello ese día e ao seguinte. "O tenente de alcalde dixo que non foi porque se lle fixera tarde", indica, e apunta a que iso significa omitir o deber de socorro e que pode incorrer nun delito de malos tratos animais.

A este medio non lle foi posible contactar co tenente de alcalde ao peche desta edición, e o alcalde non quixo facer declaracións ata non recibir a denuncia. Regueiro sostén que o Concello está a incumprir a lei de benestar animal, que sitúa nos concellos a competencia de facerse cargo dos animais vagabundos, como era este caso.