Cúmprense 125 anos do nacemento do galeguista ancarés Fuco Gómez

Emigrado a Cuba, a súa traxectoria vital e laboral está marcada pola defensa de Galicia 

Generated by  IJG JPEG LibraryA figura de Francisco, Fuco, Gómez non é demasiado coñecida nin en Galicia, nin en Lugo, nin no seu Becerreá natal. Pero o certo é que o ancarés desempeñou ao longo da súa vida un importante labor na defensa de Galicia a través da literatura, o xornalismo e a política. Este mes de xullo celébrase o 125º aniversario do nacemento deste polifacético personaxe.

O descoñecemento que xira arredor da súa vida en parte débese, segundo o historiador e presidente do colectivo Patrimonio dos Ancares, Xabier Moure, "á súa ideoloxía política". Fuco, ademais de ser un prolífico autor, con máis de 50 obras publicadas, tamén desenvolveu un importante labor político, defendendo a autonomía de Galicia. "Foi unha das primeiras persoas en poñer na súa boca a palabra independencia", afirma Moure.

O historiador destaca da figura de Fuco "a súa capacidade para aprender e formarse", xa que partiu aos 18 anos do seu Montaña da Agra natal con rumbo a Cuba sendo analfabeto, e foi alí onde aprendeu de maneira autodidacta non só a ler e a escribir senón a desenvolver un pensamento crítico que o levou a ser unha das figuras máis importantes no activismo e na literatura galeguistas. Esta orixe rural e humilde marcou moito o rumbo da súa vida, loitando por mellorar a situación que se estaba a vivir na Galicia da primeira metade do século XX.

O colectivo Patrimonio dos Ancares traballa desde hai anos na difusión da súa figura

Moure opina que se ben a súa actividade política foi importante, "débese deixar nun segundo plano e debemos centrarnos na súa obra literaria e xornalística" que sempre estivo marcada polo amor que sentía cara a Galicia, presente en practicamente todas as súas obras.

Patrimonio dos Ancares leva anos traballando na difusión da vida e da obra deste personaxe. Para finais de ano están preparando unhas xornadas coa asociación Rente ao Couce dedicadas á figura de Fuco Gómez, que esperan que sexan «un primeiro paso no seu recoñecemento».

Comentarios