A cota de neve sitúase este mércores na Montaña a partir dos 900 metros

Meteogalicia asegura que hai un aviso por acumulación de máis de cinco centímetros

Nieve en Pedrafita. AEP
photo_camera Peregrinos no Cebreiro. EP

A masa de aire frío procedente de Groenlancia deixará nevadas na zona montañosa da provincia de Lugo. Así o confirmaron fontes consultadas de Meteogalicia, que aseguraron que hai un aviso na montaña lucense por acumulacións de neve que "superarán os cinco centímetros".

A cota de neve en Galicia sitúase nos 1.000 metros e nalgunhas zonas da provincia de Lugo, en 900. "Imos vivir un descenso notable da temperatura nos próximos días, algo que xa se está notando en zonas da Mariña, Terra Chá, Meira e Fonsagrada", recoñeceron en Meteogalicia. "Nos próximos días, zonas do sur da provincia -como a Terra de Lemos, Chantada ou Quiroga- van notar especialmente o descenso de temperaturas".

A pesar do descenso térmico, en Meteogalicia aseguran que os ceos non estarán "completamente cubertos" aínda que deixarán precipitacións ocasionais na provincia e incluso saraiba na metade norte.

"Vimos de días moi primaverais, pero esta inestabilidade atmosférica vai facer que volvamos un pouco ao inverno", apuntaron desde o organismo dependente da consellería de Medio Ambiente.

Entre este xoves e o venres chegará unha fronte atlántica por Galicia que afectará á maior parte da Península e Baleares desde a segunda metade do día e desde o noroeste ao resto de zonas.

O venres volverán descender as temperaturas na vertente atlántica e seguirá o ambiente frío, con cotas de neve baixas nas primeiras horas do día. En concreto, nevará a partir de 600 a 900 metros no norte e noroeste, e entre 900 e 1.200 metros no resto do mapa a primeiras horas do día.

A Aemet espera que se produzan "nevadas signicativas" en zonas de montaña e de forma ocasional en zonas chairas, sobre todo de madrugada e a primeiras horas da mañá.

Durante a fin de semana manterase a atmosfera inestable con precipitacións sobre todo na vertente atlántica. A partir do domingo empezarán a subir as temperaturas de xeito progresivo e, con elas, a cota de neve.

"As precipitacións axudarán a paliar a escaseza de choivas, xa que en moitos puntos de España practicamente non choveu desde que empezou o ano", dixo o portavoz de Aemet, Rubén do Campo.

Comentarios