Comezan os traballos para esclarecer a antigüidade das pinturas rupestres de Baleira

O ano pasado foi localizado un xacemento neolítico na Cova dos Mouros, na Fontaneira

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou este xoves os traballos de campo na Cova dos Mouros, no municipio lucense de Baleira, para tratar de obter a maior información posible sobre o xacemento arqueolóxico e intentar porlles data ás pinturas rupestres achadas no lugar.

O delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro, acompañado por técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio visitou Baleira para coñecer como se están desenvolvendo eses traballos por parte do equipo de arqueólogos encargado, o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT), da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

As investigacións están a ser dirixidas polo catedrático de Prehistoria Ramón Fábregas Valcarce, aínda que as escavacións están a ser coordinadas por Carlos Rodríguez Rellán, cun equipo de asesores da USC, da Universidade de Alcalá de Henares (Madrid) e da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia (Pontevedra).

A Cova dos Mouros está situada na Fontaneira, na cima do Monte das Penas, a uns 867 metros de altura, e ten 20 metros de profundidade.

No seu interior foron localizados o pasado ano once paneis pictóricos de grande interese, datados entre os anos 5.000 e 1.000 a.C, entre o Neolítico e a Idade de Bronce, segundo un estudo preliminar encargado por Patrimonio.

Ese estudo concluíu que entre os paneis pode acharse un "exemplar único da historiografía, denominado pintura esquemática".

Comentarios