A CIG achaca a morte dun veterinario en As Nogais "as deficientes condicións de seguridade"

CSIF denuncia as "inhumanas condicións" nas que traballa o gremio na empresa pública Tragsa

A Confederación Intersindical Galega (CIG) achacou a morte dun veterinario nas Nogais ás "deficientes condicións de seguridade e saúde" encomendadas pola Consellería de Medio Rural. O sindicato referiuse a morte de Jesús, que facía tarefas de saneamento na zona de Chan de Vilar cando foi golpeado polo corno dunha vaca que estaba atendendo. Tiña 43 anos e traballaba para Tragsa, a empresa pública que xestiona estes labores. 

Ante estos feitos, non só se pronunciou a CIG, que denuncia as "condicións laborais e a presión que exerce" dita empresa, senón que tamén CSIF considera que este suceso "volveu a pór de manifesto as inhumanas condicións nas que traballa este gremio da empresa pública". 

As forzas sindicais puxeron sobre a mesa as "xornadas maratonianas, os lotes semanais de número de reses a sanear imposibles de sacar adiante en condicións seguras ou a obrigación de realizar o traballo por unha soa persoa".

CSIF vai presentar unha denuncia ante Inspección de Traballo para que prohiba que os veterinarios vaian sós na campaña de saneamento 

A CIG asegura que hai tempo este traballo era realizado por dúas persoas pero que isto cambiou para "aforrar custos". Neste sentido, CSIF pide que a morte do veterinario supoña "un antes e un despois" na xestión do traballo destes profesionais, xa que "se tivese ido acompañado sería máis difícil que pasase, porque non tes que facer todo o traballo ti só". 

Por este motivo, CSIF vai presentar unha denuncia ante Inspección de Traballo para que prohiba que os veterinarios vaian sós na campaña de saneamento nas que teñen que facer a proba da tuberculina ás vacas. O mesmo sindicato denunciou que baixo as condicións actuais víronse obrigados a "ir sanear unha vaca cada tres minutos e, para maior rendibilidade", mándanos "sós no canto de ir cun equipo de traballo no que o compañeiro é como o teu salvavidas: ti protéxelo a el e el protéxete a ti". 

Para a CIG, "estas son as consecuencias criminais de forzar unhas condicións laborais extremas nun ámbito cunha exposición tan elevada aos riscos laborais" e ademais cren que a Xunta "é plena coñecedora" deste tipo de situacións, que tacharon de "intolerables".

ESTADO DE ALARMA. Por outra banda, CSIF tamén sinalou que durante o estado de alarma tampouco se cumpriron coas medidas de seguridade que demandaba a situación de crise sanitaria. Segundo eles, a empresa non facilitou máscaras FPP2 regulamentarias aos veterinarios para exercer un traballo que resultou fundamental durante a pandemia. 

Comentarios