Cifran en dous “ou tres exemplares” o asentamento de osos no Courel

O director da  Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro, cre que a poboación é maior nos Ancares
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Un dos osos gravados recentemente no Courel

O director da Estación Científica do Courel -que depende da Universidade de Santiago de Compostela-, Antonio Rigueiro, afirma que o asentamento de osos nesa serra da provincia de Lugo limítase, de momento, “a dúas ou tres exemplares”, aínda que “esa poboación é maior e está máis asentada nas montañas dos Ancares”.

A Estación Científica do Courel, intimamente ligada á Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, converteuse no centro loxístico e no campamento basee dos investigadores no programa Life Oso Courel, un proxecto europeo no que a institución académica colabora coa Fundación Ouso Pardo.

Rigueiro, que é catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC, recoñeceu que a “confirmación da presenza de osos na Serra do Invernadoiro, en Ourense, é un sinal moi positivo” de face a un “asentamento definitivo desta especie nas montañas orientais de Galicia”, espazos naturais que noutro tempo foran habitados por esta especie.

Tamén cualificou como “moi importante” o traballo que se está desenvolvendo ao amparo do proxecto Life Oso Courel e que serve, entre outros obxectivos, para “sensibilizar á poboación local dos beneficios socioeconómicos que pode reportar a presenza desta especie”, superiores en todo caso “aos estragos que lles causan aos produtores locais”.

“No caso do Courel, atreveríame a dicir que a maioría da poboación está a favor da volta do oso pardo a unhas montañas que habitou ata hai pouco máis dun século”, concluíu.

Comentarios