A CH Cantábrico executa a limpeza do río Navia ao seu paso polas Nogais

A empresa Tragsa encárgase da retirada de restos vexetais depositados na canle para evitar que se formen posibles tapóns
Operarios retiran un tronco del cauce del Navia, en As Nogais. EP
photo_camera Operarios retiran un tronco da canle do Navia, nas Nogais. EP

A Confederación Hidrográfica (CH) Cantábrico está a executar, a través da empresa pública Tragsa, traballos de mantemento e adecuación do río Navia ao seu paso polo concello das Nogais.

A finalidade desta actuación, que supón un investimento aproximado de 21.000 euros, é a de retirar os restos vexetais depositados na canle do río e que foran arrastrados pola corrente, formando tapóns que impiden o correcto discorrer da auga.

Trátase de evitar así posibles perigos por inundación no caso de que se produza un aumento do nivel das augas. Os operarios que realizan estes labores tamén están a aproveitar para retirar das beiras un bo número de árbores secos que corren o risco de caer sobre a canle, o que podería producir novos tapóns.

A Confederación Hidrográfica executa estes traballos dentro do programa de mantemento e conservación das canles da provincia que desembocan no mar Cantábrico.

Ademais, con esta actuación dáse resposta ás diversas solicitudes realizadas polos municipios e ao compromiso adquirido pola subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Manuel Gutiérrez, coa Federación de Asociacións de Vecinos de Lugo a finais do pasado ano.

Desde a CH Cantábrico recórdase, no entanto, que os labores de conservación e mantemento dos canles en zonas urbanas son de competencia municipal, polo que as actuacións realizadas circunscríbense unicamente ás zonas non urbanizables.

A Federación de Asociacións de Vecinos de Lugo agradece a execución destes labores e recorda que tamén ten solicitado á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a execución de traballos similares nunha vintena de puntos en distintos ríos da provincia pertencentes a esta conca.

Comentarios