Castaño y Nogal cesa o seu proxecto ambiental no río Donsal por falta de apoios

A iniciativa, recoñecida internacionalmente, levaba celebrándose desde hai 11 anos e por ela pasaron case un centenar de voluntarios
2020080612313813650
photo_camera Sinalización na ruta Quintá-Río Donsal. EP

A asociación Castaño y Nogal anunciou onte o cese das súas actividades ambientais na Ruta Quintá-Río Donsal e na cunca do mesmo tras once anos de traballo. O abandono deste proxecto débese á falta de apoio por parte tanto da Xunta como da Deputación, segundo denuncia o colectivo nun comunicado.

O labor realizado por Castaño y Nogal na zona de Quintá de Cancelada, no concello de Becerreá, estaba dirixido á conservación, protección e rehabilitación da senda que percorre o río Donsal, realizando actividades como podas, desbroces ou restauración de infraestruturas. Estes traballos tamén contribuían á prevención de incendios forestais e á concienciación e sensibilización en prol do medio ambiente.

Desde a asociación denuncian o silencio das institucións durante os seus once anos de traballo, criticando que "las propuestas de colaboración y de acción, peticiones, invitaciones de visitas y las peticiones de ayudas a las Administraciones Públicas competentes en materia medioambiental, rural y supramunicipal no fueron respondidas ni atendidas".

As críticas pola falta de apoio tamén se estenden aos concellos de Navia de Suarna e Cervantes, polos que tamén discorre a ruta do río Donsal, así como a bancos, empresas e medios de comunicación. A única administración que colaborou de maneira continuada con Castaño y Nogal foi o Concello de Becerreá.

O colectivo sostén que "los silencios de ambas administraciones públicas ha incinerado nuestro trabajo en pro de la puesta en valor del paisaje de Cancelada". Ademais, advirten que, sen o seu labor, o entorno da senda do río Donsal volverá estar cuberto por maleza e vexetación silvestre, facéndoo intransitable en menos dun ano.

Este proxecto foi recoñecido e premiado de maneira internacional, recibindo galardóns como o accésit ao premio Juana de Vega no ano 2019, ademais de ser finalista en dúas edicións dos premios Patrimonio Cultural da UE. Por el pasaron case un centenar de voluntarios procedentes de países de catro continentes, que tiveron que afrontar todos os custos de desprazamento, un desembolso que é segundo a asociación «muy superior a todo lo invertido por las adminsitraciones en el proyecto».

A XI e última edición deste proxecto, denominada Work Camp 2020, celebrouse entre o 22 e o 26 de xullo en Quintá de Cancelada. Nel participaron unha decena de alumnos do CPR Fonteboa, de Coristanco.

Comentarios