O cárcere de Bonxe denégalles o permiso de saída aos tres agresores de Baleira

A xunta de tratamento penitenciario considera demasiado prematuro concedelo
Momento en el que el matrimonio ingresaba en la prisión de Bonxe la pasada semana.  SEBAS SENANDE
photo_camera Momento en el que dos de los condenados entraban en prisión en 2023. SEBAS SENANDE (ARCHIVO)

Os tres acusados de abusar sexualmente dunha nena de Baleira de xeito sistemático durante varios anos, e que actualmente cumpren condena no centro penitenciario de Bonxe, solicitaron recentemente o permiso de saída, unha vez cumprida unha cuarta parte da súa pena, pero, tal e como puido saber este diario, a xunta de tratamento penitenciariodo do cárcere decidiu denegárllela por considerar demasiado prematura esa concesión, a pesar de que se atopan dentro do prazo que lles outorgaría tal posibilidade.

Así, desde Bonxe desestimouse a solicitude presentada polos tres internos —a irmá da vítima, o marido e o irmán deste—, que foron condenados en xaneiro de 2023 a tres anos de prisión cada un por cometer abusos sexuais sistemáticos, e incluso incentivalos, a unha nena desde os sete ata os 13 anos, cando quedou embarazada do marido da súa irmá.

Os tres ingresaron no centro penitenciario de Bonxe o 26 de abril do pasado ano, cando se esgotaba o tempo regulamentario para a súa entrada voluntaria no cárcere, pois entre a celebración do xuízo e o ingreso en prisión, o matrimonio acusado continuou residindo na vivenda na que se cometeron os feitos. Con todo, desde entón manteñen un comportamento "totalmente normal, sen ningunha incidencia" co resto da poboación reclusa de Bonxe, tal e como aseguran algunhas fontes próximas ao caso.

Unha vez denegados estes permisos, cabe agardar que no prazo dun mes ou dous poidan volver solicitalo.

A condena que recibiron os autores dos abusos e a súa inductora motivou diversas protestas en Baleira e Lugo por considerala "ridícula" ante os feitos acontecidos, que causaron unha profunda conmoción entre os veciños.