A candidata do BNG na Fonsagrada non pecha "ningunha porta"

Bloque e PSOE analizarán o venres nun encontro a situación do municipio
 

María Xosefa Ortiz. AEP
photo_camera María Xosefa Ortiz. AEP

A cabeza de lista do BNG na Fonsagrada e única concelleira electa do partido no municipio, María Xosefa Ortíz, asegura que "hai que seguir falando" e que, coa marxe que dá o calendario antes da elección do novo alcalde, "non pecha ningunha porta" e "hai que seguir falando". Os nacionalistas xa o fixeron —o martes— coa candidatura do PP, para coñecer de primeira man a súa proposta de pacto para sacar ao socialista Argelio Fernández Queipo da alcaldía.

A candidata nacionalista afirmou que ese encontro foi máis "unha reunión de veciños que de candidatos", para falar dos problemas do municipio e das posibilidades para buscar solucións ás necesidades dos veciños. "Coñecémonos todos", engadiu a edila electa, quen insistiu en matizar que foi un encontro "cun grupo de veciños que se presentou pola candidatura do Partido Popular".

Ortíz confirmou que, polo menos de momento, non mantivo ningunha reunión co Partido Socialista, que depende do seu voto para poder gobernar, ademais de aclarar que "aínda non hai ningunha decisión tomada" e moito menos "un acordo" pechado nun sentido ou noutro.

PPdeG e PSdeG, empatados a cinco concelleiros cada un, miran ao BNG para tratar de garantirse a alcaldía. Tras o encontro de PP e Bloque, terá lugar o venres outro entre o actual alcalde e a candidata nacionalista no que tamén se prevé abordar a situación do municipio.

Os socialistas subliñan que teñen "dez días" por diante para falar cos nacionalistas e, en canto a se cren que o alcalde poderá renovar o cargo, rexeitou "pronunciarse" sobre o que vai ocorrer o próximo 15 de xuño na sesión de investidura. 

Comentarios