Un camión choca no túnel do Cereixal e corta a circulación da A-6

O condutor resultou ferido leve e puido saír do vehículo polo seu propio pé
Imagen del camión parado en la entrada del túnel. EP
photo_camera O camión accidentado na entrada do túnel. EP

O condutor dun camión resultou ferido leve esta tarde ao atravesarse o vehículo que conducía na entrada do túnel do Cereixal, no municipio de Becerreá, que obrigou a cortar a circulación por esta vía durante varias horas e a desviala pola capitalidade do municipio becerrense.

O accidente tivo lugar na A-6 ás 16.30 horas, no quilómetro 454 da vía. O condutor, que se dirixía á Coruña, saíu da vía pola súa marxe dereita e chocou coa estrutura de formigón do túnel.

Un particular deu a voz de alarma á central de emerxencias 112 Galicia de que o vehículo se achaba atravesado na vía. O condutor, ao parecer, puido saír do mesmo polos seus propios medios.

A central mobilizou a Urxencias Sanitarias 061, que trasladou ao condutor ao Hula nunha ambulancia. Tamén acudiron ao lugar os efectivos do Ges de Becerreá, os bombeiros de Sarria e membros do subsector de Tráfico da Garda Civil. O mesmo fixeron os traballadores do servizo de mantemento da estrada, que limparon parte da gasolina que perdeu o vehículo.

O camión transportaba millo, pero non se produciu ningún tipo de desprendemento da súa carga. 

Comentarios