"Caeu uns 50 metros e parouno unha uz xusto ao bordo dun terraplén"

Efectivos de urxencias rescataron a un nonaxenario fonsagradino que se despeñó nun monte cheo de maleza en Maderne. Ingresou no Hula, en principio só con mazaduras
Algunos de los efectivos movilizados y la zona por la que cayó el anciano. EP
photo_camera Algunos de los efectivos movilizados y la zona por la que cayó el anciano. EP

"Vimos que había un carreiro aberto monte abaixo, seguímolo e estaba alí non fondo. Igual caeu uns 50 metros. A sorte foi que parou nunha uz, xusto ao bordo dun terraplén". Adrián Fernandez recordaba este luns o gran susto que levou esta familia fonsagradina o domingo ao sufrir o seu avó Pedro, de 92 anos, unha aparatosa caída nunha zona de difícil acceso, en Maderne. O contratempo obrigou a un gran despregamento de medios para efectuar un rescate que resultou moi complexo. O ancián seguía este luns ingresado no Hula, dolorido pero en principio só con mazaduras.

Segundo explicou Adrián, as alarmas saltaron cando o nonaxenario, que saíra a pasear, non regresou a casa ao mediodía: "Como non veu para comer, preocupámonos por se lle pasase algo e saímos meu pai e eu a buscalo". Tras peitear varias zonas sen éxito, sobre as seis da tarde viron indicios de que podería caer monte abaixo nun lugar onde este fonsagradino ten colmeas, asomáronse ao carreiro aberto entre o matogueira e vírono ao fondo, enganchado á maleza, ao bordo dun terraplén dunha vintena de metros de caída.

"Estaba consciente pero non movíase, así que non quixemos movelo nós e xa avisamos a emerxencias", sinala o seu neto. O 112 mobilizou a axentes da Garda Civil do posto de Castroverde, bombeiros de Sarria, operarios do Concello da Fonsagrada e persoal sanitario, ademais de achegarse familiares, veciños e membros do goberno local.

A orografía do terreo dificultou os labores de auxilio. Así, ao ver moi difícil o rescate pola zona de monte por onde caera o ancián, os efectivos de urxencias decidiron acceder a el pola ladeira situada enfronte, que tiveron que rozar. Cando lograron achegarse lanzáronlle primeiro unha bebida isotónica para que non se deshidratase polas altas temperaturas e despois usaron cordas para descender ao ancián en padiola ata unha zona accesible, desde onde foi trasladado en todoterreo ata o lugar no que esperaba a ambulancia que o levaría ao Hula. O rescate prolongouse ata pasadas as nove da noite.

Integrantes dese dispositivo destacaron que o nonaxenario tivera "moita sorte" e que era unha zona de monte "moi complicada". "Ten mazaduras pero non debe ter nada roto" dicía onte pola tarde o neto do accidentado, que seguía no Hula á espera de ver a súa evolución.