O BNG reclama en Becerreá uns "servizos educativos dignos" para A Montaña

Carme Aira participou na concentración organizada pola Anpa do instituto e lamentou a "desigualdade" que sofre nesta zona da provincia a comunidade educativa
ensino becerreá 2
photo_camera Protesta polos recortes educativos en Becerreá. EP

A deputada por Lugo no Parlamento de Galicia Carme Aira asistiu este martes á concentración organizada pola Anpa do IES de Becerreá para reclamar "servizos educativos dignos" na comarca da Montaña.

A parlamentaria nacionalista lamentou a "desigualdade" que está a sufrir a comunidade educativa nesta zona da provincia "debido aos recortes da Xunta". Segundo sinalou na súa intervención, "vivir na Montaña de Lugo non debe ser unha desvantaxe para contar cun ensino de calidade e coa mesma oferta educativa" que calquera outro centro das cidades, polo que mostrou o seu apoio aos promotores desta mobilización.

Aira tamén criticou que a Xunta votase en contra dunha iniciativa dos nacionalistas no Parlamento na que pedían que se garantise "o estudo de materias troncais" sen ter en conta o criterio de número de alumnado.

A deputada sinalou, neste sentido, que a súa formación seguirá defendendo "os dereitos educativos do alumnado", con especial atención a aquelas zonas "nas que sexa máis complexa a docencia e garantindo a igualdade de condicións".