O BNG oponse a que a xestión da residencia de maiores da Fonsagrada se externalice

A concelleira Nenoso Ortiz de Galisteo considera que a selección de persoal realizada en 2015 foi unha estratexia electoral do PSOE

A voceira do BNG da Fonsagrada, Nenoso Ortiz de Galisteo, manifestou a súa disconformidade coa xestión externalizada das residencias da Deputación, entre as que se atopa a da Fonsagrada.

A concelleira apunta que, "aínda que din que a xestión vai ser pública, vaise externalizar", pois no convenio entre a Deputación Provincial de Lugo e os concellos con residencia fálase de "dificultades legais para contratar persoal por parte das administracións públicas", inconvinte que se supliría con "contratos administrativos de subministros e servizos".

Neste contexto, a concelleira nacionalista califica de "engano" a selección de persoal realizada en 2015 para traballar nestes centros, "que se fixo no período electoral das municipais e só tiña por finalidade obter maior apoio para o PSOE".

Nenoso Ortiz de Galisteo asegura que o BNG non pode asumir un convenio nesas condicións, polo que se abstivo na votación do documento, que foi sometido recentemente ao pleno municipal da Fonsagrada.

Comentarios